Eliminan un punto de vertido de augas residuais en Hervés, Cuntis
Por Redacción
O Concello de Cuntis, a instancias de Augas de Galicia, acaba de realizar as tarefas necesarias para eliminar un punto de vertido de augas residuais sen depurar que chegaban a un curso de augas naturais no lugar de Hervés.
A actuación, que rematou cun punto contaminante, ten a súa orixe nunha inspección rutineira do persoal do Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia, departamento da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
Os técnicos da Xunta comprobaron no terreo que o aporte respondía á filtración de augas residuais procedente dun bombeo da rede de saneamento existente na zona , de maneira que Augas de Galicia requiriulle ao Concello a adopción das medidas oportunas para a corrección do vertido.
O Concello reparou a filtración. Para facelo, foi preciso baleirar o bombeo e selar as fisuras que presentaba no seu interior, para acadar o cese dos aportes de augas residuais ao domino público.
Nunha nova inspección efectuada polo persoal dependente de Augas de Galicia corroborouse a efectividade das medidas adoptadas, observándose a ausencia de vertido no punto no que anteriormente se observaba a filtración de augas residuais.