Novo avance na rexeneración do parque de Santa Teresa de Jesús Jornet, agora pintado e impermeabilizado
Por Redacción
O proxecto de mellora da praza de Santa Teresa de Jesús Jornet acaba de dar un novo avance. A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de rematar os traballos de Impermeabilización e pintado da praza.
O departamento municipal de Parques e Xardíns poralle a guinda ao proxecto de rexeneración do parque, que suporá un investimento global de máis de 40.000 euros, coa renovación vexetal e paisaxística dos seus xardíns.
Esa nova fase, con todo, terá que esperar uns días. Segundo explica o concelleiro responsable da área, Iván Puentes, para poder levar a cabo esta última fase é necesario que pasen as choivas e chegue un tempo máis estable.
O edil do PSOE asegura que, unha vez que xa se efectuou o peche perimetral, se instalou mobiliario urbano e se acabou de impermeabilizar e de pintar (con pintura antiesvarante), "os veciños do barrio de Pontevedra Leste poderán ‘estrear’ o espazo verde nas vindeiras semanas".
Os traballos realizados ata a data en Santa Teresa de Jesús Jornet incluíron, ademais da colocación da varanda, de oito bancos e de dúas cadeiras, a renovación de diversas papeleiras que presentaban un estado de deterioro e unha limpeza exhaustiva con auga a presión.
O plan de humanización e posta en valor desta praza rematarase agora co acondicionamento das zonas axardinadas e coa súa mellora paisaxística, contratado á firma Jara Jardinería Calvarro SL.
Os parterres do parque de Santa Teresa de Jesús contarán cunha malla antiherbas coa finalidade de reducir e facilitar os labores de mantemento das zonas verdes. Asemade, a través do proxecto de renovación paisaxística mellorarase o estrato arbóreo dos xardíns, potenciándoo coa incorporación dalgunha árbore singular, e instalaranse e conectaranse á rede unha tubaxe de polietileno e unha mangueira de goteo.
Entre as flores, arbustos e plantas que se empregarán para o axardinamento inclúense unha ducia de tipoloxías diferentes, ademais dalgunha árbore de carácter singular.
Relacionadas:
-
Medio Natural roza a vella pasarela de 12 de Novembro para construír un parque o próximo ano
Por Redacción |
-
A praza de Santa Teresa de Jesús Jornet estrea imaxe: xardíns renovados e nova varanda
Por Redacción |
-
Pontevedra estrea maquinaria de 'cero emisións' para conservar os seus xardíns
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O Concello proxecta construír un parque canino nos antigos terreos de Tafisa
Por Oskar Viéitez |
-
Instalan os primeiros elementos de mobiliario da nova praza de Santa Teresa de Jesús Jornet
Por Redacción |
-
Crearán un novo xardín en Santa Teresa de Jesús Jornet para mellorar a imaxe do barrio
Por Redacción |
-
A renovación paisaxística da praza de Santa Teresa de Jesús Jornet será unha realidade a finais de setembro
Por Redacción |