A rehabilitación do Priorado de Arra concluirá a finais de xuño
Por Redacción
A reconversión do antigo Priorado de Arra nun espazo sociocultural está cada vez máis preto. Os traballos de rehabilitación deste inmoble entraron na súa recta final. Está previsto que conclúan a finais do próximo mes de xuño.
Os traballos céntranse agora na súa terceira fase en revestimentos de chans, paredes e teitos nas distintas estancias, pero tamén no acondicionamento do patio exterior cunha rampla de acceso que comunica os distintos espazos.
O priorado ten dúas edificacións independentes que pechan o patio central, que articula todas as salas da planta baixa.
Nesta planta están a acondicionarse un local de ensaios, dous locais para asociacións, un terceiro local a modo de almacén, aseos masculinos e femininos, un distribuidor e un alpendre.
A primeira planta acollerá unha sala de usos múltiples, un despacho, un almacén e un hall. Entre as dúas plantas suman unha superficie útil de 480 metros cadrados. A obra inclúe tamén a renovación do saneamento.
Na mellora deste inmoble, que no seu día foi vivenda duns monxes benedictinos relacionados co mosteiro de Armenteira, investíronse preto de 400.000 euros.
Deles, 190.000 euros foron para a restauración da cuberta e os muros de cerramento da edificación e os 185.000 que se están investindo agora na adecuación dos espazos, procedentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Antes de desenvolver estes traballos, previamente foi necesario levar a cabo unha serie de tarefas para restaurar o peche perimetral do priorado e cambiar portas e xanelas.
Relacionadas:
-
Sanxenxo convertirá o Priorado de Arra nun centro de cultura artesanal
Por Redacción |
-
Remata a rehabilitación do Priorado de Arra
Por Redacción |
-
O 'ferrollo' polo coronavirus frea as obras do colexio de Vilalonga, o Pazo de Quintáns e o Priorado de Arra
Por Redacción |
-
Comeza a terceira fase das obras de remodelación da Casa Priorado de Arra
Por Redacción |
-
Sanxenxo avanza na remodelación da Casa Priorado de Arra e licita a súa terceira fase
Por Redacción |