A área sanitaria suma 12 novos pacientes con coronavirus curados e redúcense as hospitalizacións
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistrou na última xornada un total de 14 novos pacientes con coronavirus curados, situando o total de curacións desde o inicio da pandemia en 583 persoas.
Segundo o balance oficial do Servizo Galego de Saúde, este domingo 3 de maio hai na área sanitaria 186 casos activos, dos que 179 están a recibir seguimento no seu domicilio e os sete restantes atópanse ingresados en hospitais da área sanitaria.
En concreto, un hospitalizado menos que o sábado. Mantense estable a actividade da Unidade de Coidados Intensivos (UCI), cun só paciente, e hai outros seis en planta, un deles no Hospital do Salnés, 1 en QuirónSalud Miguel Domínguez e catro en Montecelo.
Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 faleceron 16 pacientes na área sanitaria.
Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 3.187, deles 771 son da área da Coruña, 222 da de Lugo, 613 da de Ourense, 186 da de Pontevedra, 773 da área de Vigo, 475 da de Santiago, e 147 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 36 permanecen en UCI, 255 están en unidades de hospitalización e 2.896 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 6.075 persoas curadas, rexistrándose 563 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 103.116 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 2,5% do total das persoas residentes. Hai un total de 617 usuarios e 302 profesionais contaxiados e faleceron 127 persoas en residencias e 126 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web específica, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Unha xornada con 33 recuperados e con só 4 persoas con coronavirus hospitalizadas na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
A Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo, baleira de pacientes positivos por coronavirus
Por Diego Espiño |
-
Catorce curados nun día e só un paciente en UCI por coronavirus na área sanitaria
Por Natalia Puga |