Investigan a aparición de peixes mortos na zona de Beiramar
Por Redacción
A aparición de peixes mortos, nunha importante cantidade, espertou as alarmas en Pontevedra. Numerosos foron os veciños que alertaron deste suceso, que se rexistrou nas últimas horas.
Os peixes mortos atopábanse pola zona de Beiramar, especialmente na contorna do peirao de As Corbaceiras.
A Policía Local acudiu ao lugar para comprobar o sucedido, segundo confirman desde o Concello de Pontevedra.
As autoridades municipais, ademais, solicitaron á empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga e saneamento, Viaqua, que comprobase toda a rede de saneamento e augas residuais. Esta análise non detectou ningún punto de vertedura.
A investigación está agora en mans do servizo do Seprona da Garda Civil e da Policía Autonómica, aos que se remitiron as dilixencias realizadas.
Ao respecto deste episodio, desde a Asociación Pola Defensa da Ría explican que, na maior parte dos casos, as especies de peixes que morreron son de auga salgada e que, pola súa elevada sensibilidade á auga doce, teñen o seu hábitat cerca de Tambo.
Os peixes, polo tanto, chegarían ata a cidade arrastrados polos ventos do sur e das mareas dos últimos días, engaden os directivos de APDR, que aseguran descoñecer o motivo concreto deste fenómeno. Con todo, consideran que "é difícil" que se deba a causas naturais.
APDR reclama ás administracións que se abran os correspondentes expedientes de investigación e, de seren pertinente, se tomen as medidas oportunas para sancionar un posible comportamento neglixente que teña afectado a estes peixes.