A Deputación lanza unha campaña de posta en valor do produto de proximidade
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, compareceu este luns nunha rolda de prensa telemática para dar conta da Xunta de Goberno, e anunciar a nova campaña de posta en valor do produto de proximidade.
Esta campaña denominada '#PontevedraProvincia na túa cesta' pretende enxalzar o produto de proximidade e as persoas produtoras e defender o consumo local. "Promovemos a gastronomía entre a nosa veciñanza e potenciais visitantes porque é un activo de atracción", sinalou Carmela Silva vencellando esta iniciativa coas promocións que tamén se fan no eido do turismo.
A presidenta da Deputación indicou que con esta campaña "queremos contribuír á reconstrución do produto e comercio da provincia" á vez que se fai un "recoñecemento ás persoas que traballan para que teñamos na casa o mellor produto".
En resumo, como dixo Carmela Silva, "incentivamos a compra do noso produto por calidade e sabor".
Na campaña móstrase "o mellor da nosa horta, mar, viño e o campo" nas canles da Deputación nas redes sociais e nos medios de comunicación con creatividades, un vídeo que lanzarán este martes e diferentes accións en múltiples plataformas.
Dentro da campaña a Deputación convocará un concurso no que pedirán aos cidadáns que compartan imaxes con pratos listos para degustar preparados con produtos desta provincia "e a mediados de mes poñeremos en marcha unha campaña específica para o comercio local", avanzou Silva.
Relacionadas:
-
‘Elixe comercio local’ consolida a aposta da Deputación pola compra de proximidade
Por Redacción |
-
A Deputación lanza unha campaña de promoción do comercio local de cada comarca
Por Oskar Viéitez |
-
Deputación e CSIC impulsan un estudo sobre a biodiversidade e os produtos locais da provincia
Por Redacción |
-
Os concellos e a Deputación queren ter poder de decisión nas fases da desescalada
Por Redacción |
-
A Deputación inxecta 1,7 millóns de euros ao Plan Concellos para variados proxectos municipais
Por Redacción |