A avalancha de corredores sorprende a un xabaril na Illa das Esculturas
Por Manu Otero
O confinamento motivado polo estado de alarma deixou desertas as cidades e a natureza aproveitou estes máis de corenta días de peche para reclamar o que un día foi seu. A fronteira entre o rural e o urbano é moi difusa en moitos zonas de Pontevedra.
A contorna da Illa das Esculturas é unha delas, pero ao ser un lugar moi frecuentado polos veciños rara era a ocasión na que se avistaba outro animal que non fosen aves. "Os xabarís sempre estiveron aí, pero agora fanse máis visibles porque aproveitan para avanzar máis", explica o educador ambientan de Amigos da Terra, Antón Lois.
Non contaba o porco bravo que expandiu o seu territorio a este emblemático parque pontevedrés con que esta fin de semana ía levantarse o veto ás actividades deportivas ao aire libre e unha avalancha de centenares de corredores ía asaltar o seu novo xardín. Foi así como, tanto o sábado como o domingo, este exemplar foi avistado por múltiples testemuñas correndo desorientado entre a herba da Illa do Covo fuxindo do repentino tumulto.
"Saíu entre as herbas e ía correndo cara á zona na que había xente facendo deporte", relata un dos peóns que puido ver ao animal. Nun vídeo gravado por outra testemuña pode verse como o xabaril busca un agocho entre os berros de medo e sorpresa dos deportistas. "Pobre animal, seguro que levaba varios días por aquí tranquilo e tivemos que vir molestalo", admitía ironicamente outro corredor.
A Policía Local recibiu diversas chamadas para alertar do avistamento. Con todo, non chegou a ser necesaria a intervención dos axentes. Con todo, xa foi alertada a Policía Autonómica que enviará a un grupo de seteiros para tratar de espantar ao animal ou abatelo se supón unha ameaza para a poboación, explica o portavoz do corpo municipal.
Asustarse é unha reacción natural ao darse de bruzos cun animal deste tamaño, pero máis medo sentirá o propio xabaril. "A súa reacción natural é escaparse porque para eles somos un inimigo. Salvo que senta acurralado ou queira protexer ás súas crías nunca vai atacar", detalla o educador ambiental. Aínda así recomenda evitar un encontro frontal. "O mellor que podemos facer é esquivalo e irnos doutra banda", recomenda.
En calquera caso, a supervivencia dun xabaril nesta contorna sería complicada. "O xabaril é un animal moi oportunista, nun sitio como a Illa das Esculturas poden buscar alimento como raíces, fungos ou calquera resto que poida haber en papeleiras", sinala Antón Lois, quen destaca o carácter curioso desta especie. "Como lugar de exploración está ben, pero para vivir téñeno mal", asume o naturalista, convencido de que "esta reconquista da natureza vai ser puntual".
Sobre a polémica suscitada polas habituais incursións destes animais en cidades e os danos que causan en plantacións agrícolas, Antón Lois descarta que se deba a unha superpoblación.
O educador ambiental pide ás autoridades actuar nas causas do problema, que son a destrución dos montes pola expansión humana, os incendios e a dificultade de atopar alimentos en terreos infestados de eucaliptos; en lugar de centrarse só en combater as consecuencias, que case sempre adoitan acabar en batidas para sacrificar aos xabarís.
Relacionadas:
-
Un estudo de Ciencias da Educación e do Deporte alerta do perigo da falta de actividade durante o confinamento
Por Redacción |
-
O Concello destaca a "normalidade" na primeira fin de semana da desescalada
Por Oskar Viéitez |
-
Chega unha fronte fría que traerá choiva
Por Redacción |
-
Non é unha invasión, os animais salvaxes xa estaban aquí
Por Manu Otero |
-
O xabaril, o abandono do monte e as enfermidades reducen as poboacións de coello
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
O PP pide á Deputación unha estratexia común para frear ao xabaril
Por Redacción |
-
Os animalistas critican o PP por "criminalizar" os xabarís
Por Redacción |