O Concello destaca a "normalidade" na primeira fin de semana da desescalada
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde asegurou este luns que o inicio da desescalada en Pontevedra se realizou dentro da "normalidade" e cumprindo, na maioría dos casos, coa distancia social e as medidas de prevención.
"Percibiuse unha certa aglomeración de persoas en determinados lugares e horarios pero iso é normal, niso consiste a desescalada, que a xente volva ás rúas e aos espazos públicos" afirmou.
A concelleira explicou que foi o sábado o día de máis afluencia por coincidir varios factores, entre os que citou "que era día de compras entre festivos, previo ao Día da Nai e primeiro día de saídas para facer deporte e paseos en franxas horarias".
En canto aos lugares máis frecuentados, indicou que para facer deporte os lugares elixidos foron o paseo de Beiramar, a senda do Gafos e a zona da illa das Esculturas, mentres que a xente maior utilizou máis o centro urbano.
Eva Vilaverde volveu incidir na petición de "prudencia e responsabilidade á hora de saír á rúa" e lembrou que en Pontevedra "hai facilidade para manter as distancias sociais polo feito de que existen espazos públicos amplos, e iso facilita moito máis convivir nos paseos e que se manteña a distancia".
MASCARILLAS
Tamén informou que este luns a Policía Local e Protección Civil están colaborando no reparto de 4.100 mascarillas baixo a coordinación da Subdelegación do Goberno. Así, a Policía Local fixo un reparto nos polígonos do Campiño e do Vao e na ponte das Palabras en Monte Porreiro; mentres que Protección Cilvil repartiu na parada de autobús na praza de Galicia pola mañá e volverá facer un reparto pola tarde.
Tamén informou de que a recollida de lixo para doentes por positivo en Covid-19, neste momento, estase prestando en tan só 5 domicilios.
En relación á crise sanitaria do Covid-19, Eva Vilaverde tamén informou que a Xunta de Goberno local na súa sesión ordinaria deste luns vén de ratificar o decreto do alcalde para realización por emerxencia dos servizos de desinfección de vehículos municipais para brigadas, cemiterios e resto de servizos.
Este servizo, realizado por Car Blix Ibérica SL, préstase a 22 vehículos e ten un importe estimado inicial de 1.064 euros por dúas semanas. Neste orzamento non se inclúen os vehículos de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil posto que contan cos seus propios protocolos específicos.
Relacionadas:
-
Os núcleos de menos de 5.000 habitantes tampouco terán restricións horarias
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra reabrirá este mércores os cemiterios municipais
Por Redacción |
-
Aquí non hai horarios para pasear ou facer deporte
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Local impón 476 multas, 14 esta fin de semana, por incumprir estado de alarma en Pontevedra
Por Redacción |
-
A avalancha de corredores sorprende a un xabaril na Illa das Esculturas
Por Manu Otero |
-
Sanidade recorda que se pode saír a pasear ou a correr fóra da casa pero "só unha vez ao día"
Por Alejandro Espiño |
-
Os pontevedreses saen a respirar: madrugóns e distancias de seguridade no primeiro día de deporte e paseos
Por Diego Torrado & Redacción |