O PP de Poio solicita a reapertura gradual e controlada do cemiterio municipal

Por Redacción
O voceiro do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, trasladará ao goberno local a necesidade de reabrir, de forma gradual e controlada, o cemiterio municipal de San Xoán para que os veciños poidan visitar e acondicionar as tumbas e panteóns despois de case dous meses sen poder facelo.
A solicitude se produce despois de que numerosas familias preguntasen cando poderían acceder ao camposanto para repoñer flores, facer limpeza e mantemento ou simplemente visitar os nichos e panteóns familiares.
Moldes explicou que a decisións de abrir o camposanto, como outras instalacións municipais, é unha competencia do Concello, e recordou que algúns municipios nunca pecharon e noutros concellos esta reapertura, como a doutras dependencias municipais, xa se realizou con ocasión do Día da Nai.
"Nestes momentos tan excepcionais, moitos veciños necesitan poder visitar o cemiterio cun horario especial, limitación de persoas que poidan estar ao mesmo tempo ou coas medidas de seguridade que sexan necesarias", dixo Moldes.
O popular explicou que en distintos municipios se levaron a cabo iniciativas como a reposición de flores por parte de empregados municipais ou a posibilidade de que os veciños encargasen por teléfono ou por internet ás floristerías, o que permitiu ademais, soster estes negocios durante o confinamento.
Moldes concluiu afirmando que "botamos de menos, como se está a facer noutros concellos, un plan detallado de reapertura das instalacións municipais, cun protocolo e unhas datas claras, primando por riba de todo a seguridade dos nosos veciños e dos traballadores do Concello".
Relacionadas:
-
Goberno e oposición deseñan medidas para superar a crise sanitaria en Poio
Por Redacción |
-
O párroco de Lérez négase a enterrar un falecido porque co coronavirus "non se pode saír da casa"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
As familias con falecidos durante a crise sanitaria recibirán un pésame personalizado do Concello
Por Redacción |
-
Vilagarcía restrinxe o acceso a praias, cemiterios e suprime a recollida de residuos voluminosos
Por Redacción |