Caldas suspende a taxa de terrazas e potenciará o turismo interior para reactivar a economía local
Por Redacción
Este luns 4 de maio celebrouse no Concello de Caldas de Reis a segunda reunión entre os voceiros dos tres grupos municipais que forman a corporación. O obxectivo deste encontro foi avanzar no deseño dun Plan de Reactivación do tecido socioeconómico municipal tras a crise sanitaria.
Na xuntanza participaron o alcalde, Juan Manuel Rey, polo PSdeG-PSOE, Fernando Pérez por parte do PP e Manuel Fariña, do BNG. Así mesmo, celebrouse outra reunión, neste caso coa Asociación de Hostaleiros.
Juan Manuel Rey destacou o clima de consenso e colaboración entre as tres forzas políticas e asegurou que o concello vai ter en consideración todas as propostas realizadas pola oposición, aínda que "traballaremos dende a máxima prudencia, sen precipitacións, analizando moi ben a situación, as necesidades da xente e as medidas e pasos que vaian dando outras administracións coa finalidade de poder dar unha resposta transversal a esta crise e que non quede ninguén atrás".
Ademais das proposicións dos grupos políticos, tamén se terán en conta as aportacións de organizacións sectoriais como a Asociación da Hostalaría de Caldas de Reis ou a Asociación de Comerciantes, coas que o Goberno municipal está en contacto.
O alcalde avanzou que o programa co que se pretende reactivar a economía local contará con un eixo irrenunciable: o reforzo dos Servizos Sociais para atender as necesidades das familias máis vulnerables.
No plano económico, o rexedor fixo referencia á boa situación financeira do Concello como factor fundamental para dispoñer dos recursos cos que actuar de maneira eficaz ante a crise. No Plan trataranse de acordar medidas de impulso ao sector turístico, co reforzo do turismo interior de natureza e de proximidade. Tamén se estudará a posta en marcha dun plan de potenciación do sector cultural, coa planificación no verán de actividades e eventos de pequeno formato cos que atraer xente á vila, así como a potenciación da mostra de arte urbano Kaldarte.
Dentro destas medidas, vén de anunciarse a exención para a hostalaría durante este ano da taxa por ocupación de vía pública con terrazas. Así mesmo, acordouse poñer a disposición do sector a maior cantidade de espazos públicos para que os bares e restaurantes poidan ampliar as súas terrazas, aumentando a capacidade ao tempo que se garante a seguridade da clientela dentro das posibilidades técnicas e legais.
Precisamente, a seguridade na reapertura da hostalaría foi outro dos puntos que se tratou na reunión. O Concello traballará para garantir que os establecementos poidan cumprir todas as medias de prevención e para iso poñerá á súa disposición máscaras, hidroxeles desinfectantes e outros elementos de protección.
Juan Manuel Rey sinalou que, dende o punto de vista técnico, non será necesario aprobar un novo orzamento, xa que o recentemente aprobado permite adaptarse á nova situación e mesmo, se é preciso, negociando modificacións de crédito puntuais.
Relacionadas:
-
Caldas aproba un orzamento de máis de seis millóns para o ano 2020
Por Redacción |
-
Caldas segue traballando con hostaleiros e comerciantes nun plan conxunto de protección e reactivación
Por Redacción |
-
'Caldas, Cultura Quente' ofrecerá un programa lúdico e cultural adaptado ás limitacións da pandemia
Por Redacción |
-
O Centro Comarcal da Tafona de Caldas continúa coa repartición de máscaras infantís
Por Redacción |
-
Caldas entregou 5.000 máscaras no rural e o luns empezará a repartición no centro urbano
Por Redacción |
-
Caldas arromba as súas zonas verdes ante a autorización de posibles saídas
Por Redacción |
-
Máis do 90% da poboación de Caldas de Reis non abandonou o municipio durante a última semana de confinamento
Por Redacción |