O sindicato UGPOL fará os test serolóxicos aos policías locais galegos
Por Oskar Viéitez
O sindicato Unión Galega de Policías Locais de Galicia (UGPOL) decidiu poñer en práctica un protocolo para realización de test de anticorpos (test serolóxico) a todos os policías.
Estas probas servirán para que os axentes poidan coñecer a súa situación de inmunidade fronte ao virus e adoptar as medidas sanitarias que correspondan.
Ademais os resultados obtidos servirán de base no primeiro estudo de incidencia do virus no colectivo das policías locais de Galicia.
Durante os últimos días os representantes de UGPOL pecharon acordos con laboratorios privados para elaborar este protocolo, que "trata de axilizar as trabas que todas as administracións públicas impoñen para que a poboación en xeral e os policías en particular non sexan sometidas aos test de Covid-19".
Os representantes de Ugpol esperan recibir o apoio e a colaboración dos concellos, Xunta ou Fegamp, "polo menos para que poidan facilitar a todos os funcionarios policiais unha prescrición médica conxunta por mor da súa exposición laboral ao virus (decisión que non lles implica custo algún), e se ademais desexan achegar recursos económicos á campaña, perfecto".
Ademáis, esta asociación profesional quéixase de que nin o Ministerio de Sanidade nin a Consellería de Sanidade da Xunta facilita os datos da cidadanía que ten orde de corentena domiciliaria por positivo "o que é totalmente ilóxico, á vez que perigoso, máis sendo esta circunstancia unha das que impide o exercicio de actividade física ou dar paseos desde este sábado día 1 e que debe ser controlado polo conxunto de forzas e corpos de seguridade".