Ponte Caldelas recibe unha doazón de dez ordenadores para entregar a escolares do municipio
Por Redacción
Dende o inicio do estado de alarma e o peche dos colexios, o Concello de Ponte Caldelas detectou que moitos escolares non podían seguir as tarefas que lles encargaban os seus mestres.
A falta de ordenadores en moitos fogares do municipio provocou que o alcalde, Andrés Díaz, fixese un chamamento á solidariedade daquelas familias ou particulares que tivesen equipos informáticos aos que non lles desen uso.
En menos dunha semana, o Concello de Ponte Caldelas recibiu a doazón de dez ordenadores, oito de familias de Ponte Caldelas e dous procedentes de Pontevedra. Cinco destes equipos xa están listos para entregar ás cinco primeiras familias que fixeron a solicitude.
Todos os ordenadores foron sometidos a un proceso de desinfección e limpeza. Posteriormente, realizouse un borrado estrito de toda a información, instalouse un sistema operativo actual dentro das posibilidades de cada equipo, fíxose unha revisión xeral para comprobar o óptimo funcionamento de todos os compoñentes, instalouse un navegador actualizado e as aplicacións ofimáticas precisas para que os nenos poidan realizar as tarefas que lles marcan dende o colexio.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, agradece a solidariedade de todas as familias que achegaron os equipos informáticos e anima a todas aquelas persoas que teñan equipos que xa non empregan "a doalos para darlles unha segunda vida na casa dos cativos que non teñen recursos tecnolóxicos" e que poidan así seguir a dinámica das clases e non se queden desconectados a causa da fenda tecnolóxica.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas contratará dúas persoas para desinfectar os colexios e esixirá que o pague a Xunta
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas transferiu o 72% das axudas directas a pemes e autónomos locais
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas reparte un 'kit de protección' aos comercios que empezan a abrir
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas instala fontes desinfectantes nos polos comerciais da vila
Por Redacción |
-
Piden tablets e ordenadores de segunda man en Ponte Caldelas para dotar a escolares de material para as clases online
Por Redacción |
-
Escolares de Ponte Caldelas recibiron xa medio cento de tarefas a domicilio
Por Redacción |