Unha aplicación de reservas ou bonos de desconto, propostas para impulsar o turismo na cidade
Por Redacción
A concelleira de Promoción Económica e Turismo do Concello de Pontevedra, Yoya Blanco, presidiu este martes unha reunión virtual con representantes do sector turístico da cidade para estudar a situación actual e as propostas para cando se poida retomar a actividade.
Entre esas ideas, os profesionais turísticos valoraron a posibilidade de habilitar unha aplicación para a xestión das reservas "que a realidade é que podía entroncar cunha aplicación tamén para a hostalería", sinalou a edil tras o encontro.
Ademais incidiuse na idoneidade de tentar fomentar estancias na cidade cunha duración media "de 5-7 noites coa posibilidade de dar unha serie de ofertas", sinalou Blanco referíndose a opcións como roteiros de sendeirismo ou fluviais para conseguir un turismo "sostible máis aló do urbano".
Todo iso coa necesidade de "que Pontevedra se venda como un destino seguro", engadiu.
A creación de bonos de desconto a utilizar en diferentes sectores, a realización de enquisas ou a organización dunha feira de turismo foron outros dos asuntos a valorar no encontro.
Na mesa de turismo participaron, ademais da concelleira, representantes da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga), Ponturismo, Guiados Pontevedra, Innovaris, Viaxes Pontus Veteris, Hotel Galicia Palace e Acolá Hostel.
Relacionadas:
-
A Xunta e Aviturga promoven a ordenación das vivendas de uso turístico
Por Oskar Viéitez |
-
Sen clientes, só tres hoteis abrirán este luns en Pontevedra
Por María José Pita |
-
En Sanxenxo xa hai hoteis co cartel de "completo" para todo o mes de agosto
Por Oskar Viéitez |
-
Os hostaleiros de Pontevedra piden ao alcalde a supresión de taxas e asumen que o día 11 non poderán abrir
Por Manu Otero |
-
'Reinicia o teu negocio', o plan de #PonteLovers e a Asociación de Autónomos para asesorar ao comercio local
Por Redacción |