Tres de cada catro desempregados que abril deixou en Pontevedra son do sector servizos
Por Redacción
Non son bos tempos para o emprego. A crise económica provocada polo coronavirus elevou as cifras do paro na cidade, excedendo niveis que non se vían desde 2017.
O mes de abril pechou con 6.307 desempregados na Boa Vila, 511 máis que en marzo. Trátase dun incremento do 8,82%, segundo os datos que publicou a Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Case toda a destrución de emprego en Pontevedra concéntrase no sector servizos, no que 381 persoas apuntáronse ás listas dos servizos públicos de emprego. É dicir, tres de cada catro novos parados proceden desta actividade.
Sesenta pontevedreses, pola súa banda, deixaron de traballar na construción e 58 na industria, mentres que tan só 7 dos desempregados que deixa abril son do sector da agricultura e 5 non tiveron un emprego anterior.
Con estes datos, Pontevedra ten actualmente 755 desempregados máis que hai un ano, un incremento do 13,60%.
Relacionadas:
-
Búscanse operarios relacionados coa electromecánica
Por Redacción |
-
Oito de cada dez pontevedreses en ERTE son traballadores do sector servizos
Por Alejandro Espiño |
-
O paro na provincia sobe en 3.650 persoas no mes de marzo
Por Oskar Viéitez |
-
Baixa o paro en febreiro con 652 desempregados menos en Pontevedra
Por Redacción |