A Subdelegación e a Deputación distribúen máis de 140.000 máscaras na provincia
Por Redacción
O parque móbil do Estado en Pontevedra é o punto desde o que a Subdelegación do Goberno e a Deputación de Pontevedra están a coordinar a distribución do material sanitario que o executivo central está a remitir a todas as provincias.
No caso de Pontevedra, máis de 140.000 máscaras de protección, segundo avanzou a subdelegada, Maica Larriba, que visitou este mércores estas instalacións xunto ao presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela.
En concreto, 83.000 unidades serán repartidas directamente pola Subdelegación de Goberno aos nove concellos con máis de 20.000 habitantes e outras 57.000 unidades ao resto dos municipios que conforman a provincia.
Nestes últimos, o reparto está a facelo a Deputación de Pontevedra e as máscaras están destinadas aos colectivos máis vulnerables.
Así, este material chegará ás persoas máis maiores ou atendidas por teleasistencia e ao persoal municipal máis exposto ao virus como o dos servizos de limpeza e recollida de residuos sólidos, empregados do transporte público, traballadores sociais e do SAF ou persoal de protección civil e emerxencias como policía local ou anti incendios.
O reparto deste material de protección entre os concellos faise en función de dous criterios obxectivos, unha cantidade lineal por tramos de poboación e unha segunda partida variable destinada a aqueles concellos que teñen un maior factor de sobre envellecemento.