Denuncian a "actitude ditatorial e tiránica" da dirección da Residencia de Maiores de Campolongo
Por Redacción
O Comité de empresa do persoal laboral dependente da Xefatura Territorial de Política Social de Pontevedra denunciou publicamente o que consideran "unha nefasta xestión" do centro por parte da dirección da Residencia de Maiores de Campolongo durante este período de crise motivada polo Covid-19.
Segundo denuncia a secretaria do comité Dina Porral, a dirección modifica os calendarios de traballo e elimina días libres ao persoal con frecuencia e sen uitlizar xustificacións.
Sinala que o calendario xa se impuxo ao non alcanzar un acordo cos representantes do Comité e, co inicio da crise sanitaria, mantivo unha liña de cambios de xornadas laborais, que o Comité denunciou ante a Inspección de Traballo o 25 de abril, despois de buscar outras fórmulas para evitar esta situación.
Segundo sinalan os representantes sindicais, en lugar de solicitar un reforzo do plantel ante esta situación excepcional, leva a cabo estas prácticas.
A situación agravouse, segundo relatan, o 30 de abril cando tres efectivos do colectivo de auxiliares de enfermería con contrato de "acúmulo de tarefas" chegaron ao centro para reforzar as quendas. O Comité afirma que a dirección volveu modificar o calendario a o resto do persoal en lugar de realizar un calendario para eses novos traballadores. Esta actitude da dirección é cualificada como "ditatorial e tiránica", por parte dos sindicatos.
A esta situación súmase que o 5 de maio, a dirección tamén decidiu modificar as quendas do colectivo de camareiros e limpadores.
Ante esta situación que consideran "abusiva" reclaman unha intervención por parte da Xefatura para buscar unha solución que permita devolver os días, sobre todo festivos e fins de semana, que foron detraídos do calendario inicial. Pregúntanse tamén onde quedan os dereitos de conciliación do persoal da Residencia de Maiores.
Relacionadas:
-
As directoras das residencias de maiores de Pontevedra permitirán as visitas de maneira progresiva a finais de maio
Por Anxo Lourido |
-
Satse recrimina que a Xunta non reforce o persoal sanitario da residencia de Campolongo
Por Redacción |
-
Limpeza a fondo da Brilat na residencia de maiores de Campolongo para frear o coronavirus
Por Diego Torrado & Natalia Puga |
-
Satse denuncia falta de enfermeiros na residencia de Campolongo
Por Redacción |