Novo descenso de positivos por coronavirus na área sanitaria, con 151 casos activos e só tres pacientes no hospital
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volveu a experimentar un descenso do número de casos activos de coronavirus e este xoves ten 151 positivos, nove menos que o mércores. Ademais, reduciuse o número de pacientes hospitalizados e segue sen haber persoas ingresadas na Unidade de Coidados Intensivos con esta patoloxía
Segundo o balance oficial facilitado polo Servizo Galego de Saúde, este xoves 7 de maio hai 3 hospitalizados en planta, un menos en 24 horas. Deles, dous están no Hospital Montecelo e un no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez. Non queda ningún paciente positivo no Hospital do Salnés.
Os 148 casos restantes evolucionan no seu domicilio, ata sumar os 151 que están activos. Ademais, por cuarta xornada consecutiva, non hai ningún paciente con positivo en coronavirus na Unidade de Coidados Intesivos de Montecelo.
Nas últimas 24 horas contabilizáronse un total de 15 curacións que permitiron este descenso dos datos de positivos. Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 649 pacientes nesta área sanitaria e faleceron 16 pacientes.
A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 2.747, deles 643 son da área da Coruña, 170 da de Lugo, 450 da de Ourense, 151 da de Pontevedra, 761 da área de Vigo, 448 da de Santiago, e 124 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 28 permanecen en UCI, 205 están en unidades de hospitalización e 2.514 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 6.959 persoas curadas, rexistrándose 586 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 109.896 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 1,7% do total das persoas residentes. Hai un total de 417 usuarios e 262 profesionais contaxiados e faleceron 132 persoas en residencias e 134 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web específica, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Cinco casos activos de coronavirus máis que o venres cun único hospitalizado no Domínguez
Por Diego Espiño |
-
"Somos a área sanitaria con menor número de falecidos de Galicia", destaca o xerente de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |
-
Xa non hai ningún paciente COVID positivo hospitalizado en Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
Balance do coronavirus na área sanitaria: dez pacientes curados e cinco casos activos máis nun día
Por Natalia Puga |