Desinfectan os parques infantís cos mesmos protocolos que nos centros sanitarios pero sen data de apertura
Por Redacción
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural está realizando un programa de desinfección integral dos 55 parques infantís existentes en Pontevedra.
O edil responsable da área, Iván Puentes, explica que, dado o número de zonas de lecer coas que conta o municipio, os traballos vanse prolongar durante varias semanas.
Estes labores poderían estar tamén condicionados pola meteoroloxía, como no caso dos días de chuvia, nos que está desaconsellada a aplicación destes produtos desinfectantes nas zonas expostas.
En todo caso, o concelleiro lembra que "o acceso aos espazos de xogo dos máis pequenos segue a estar prohibido nestas fases iniciais da desescalada".
O Servizo Municipal de Parques e Xardíns, que coordina Manuel Fontán, destinou unha achega económica de 14.278 euros á contratación da empresa especializada Garocaprim SL para que realice estas tarefas de eliminación de elementos patóxenos, necesarias para combater a presenza da Covid-19 nos parques infantís.
Os traballos serán escalonados, de modo que, segundo sinala Iván Puentes, "neste primeiro zafarrancho estanse a aplicar protocolos de desinfección semellantes aos que se veñen desenvolvendo en lugares de elevada sensibilidade, como as contornas de centros sanitarios ou residencias de maiores, coa finalidade de garantir un axeitado exterminio de axentes patóxenos nos elementos de xogo, superficies, valados, mobiliario".
Unha vez rematados estes traballos de desinfección "a Concellería de Desenvolvemento Sostible coordinarase coas autoridades sanitarias e, en función das medidas que se vaian adoptando ao longo da desescalada, aplicará os protocolos de limpeza e control que garantan un uso seguro das instalacións de xogo unha vez que se autorice de novo a súa utilización", matiza o edil Puentes.
De momento, non hai unha data precisa para a reapertura dos espazos de xogo infantil á espera de como evolucione o estado de alarma e o calendario das sucesivas fases de desescalada.
"Continuarán pechados por motivos de prevención, conforme ás directrices das autoridades sanitarias", remata o concelleiro Puentes.