A criminalidade redúcese 8 décimas no primeiro trimestre do 2020 na provincia de Pontevedra
Por Redacción
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, celebrou este xoves a diminución da criminalidade e o aumento do número de casos esclarecidos polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que no primeiro trimestre do ano resolveron o 43,6 % das infraccións penais coñecidas, un 2,1 % máis que no mesmo período do ano anterior.
No balance de criminalidade do primeiro trimestre, Galicia sitúase como a cuarta comunidade máis segura do Estado. A taxa de criminalidade de Galicia nos últimos doce meses descendeu cinco décimas. Entre xaneiro e marzo deste ano coñecéronse en Galicia 17.728 infraccións penais, un 7,6% menos que no mesmo período do ano pasado (1.448 menos).
O descenso da actividade delituosa repítese nas catro provincias galegas, pero a maior diminución dáse nas provincias atlánticas. Pontevedra acumula un descenso de 8 décimas na taxa de criminalidade que baixa ata 29,8 delitos por cada 1.000 habitantes.
Desde o decreto do Estado de Alarma, os corpos policiais rexistraron en Galicia 1.220 infraccións penais. Esta cifra supón unha redución dun 64,9 por cento respecto ao mesmo período de 2019, no que os posibles delitos rexistrados foron 3.478.
En canto ás tipoloxías dos delitos, producíronse importantes descensos nos furtos (un 16,7% de baixada); lesións e rifas (un 14,7% menos). Séguenlle unha tipoloxía que preocupaba especialmente en trimestres anteriores e que por primeira vez descenden os delitos vinculados á liberdade e indemnidad sexual, que descenden globalmente un 8,8%. Tamén baixan os roubos con violencia e intimidación un 7,6%. Pola contra, aumentan un 3,9% os roubos con forza nas vivendas e establecementos comerciais.