Establecen un protocolo para formalizar matrículas nos centros escolares de Sanxenxo a partir do luns 11
Por Redacción
Chega o momento de matricular os menores nos centros escolares e o Concello de Sanxenxo, a través do Grupo de Traballo sobre Calidade Educativa, estableceu un protocolo de recomendacións para formalizar as matrículas nos centros escolares a partir do próximo luns 11.
Aconsellan ás familias que fagan reserva da praza a través da web de Educación da Xunta. Para acceder é necesario contar con claves do Chave 365 ou co certificado dixital. No caso de que non se poida realizar a reserva, desde o Concello recomendan que se descargue o modelo para levalo xa cuberto e asinado ao centro escolar, portando o DNI do estudante e a documentación precisa.
Os centros escolares recomendan tamén solicitar cita previa para levar a cabo a entrega da documentación que se requira. Tamén piden que só se achegue unha persoa e con máscara de protección para efectuar os trámites.
O Concello indica que se ofrecerá material para garantir as medidas de seguridade e hixiene. Instalaranse pantallas protectoras nos mostradores de atención ao público, xel hidroalcohólico e máscaras. Tamén se realizará unha limpeza reforzada nos accesos e nos espazos dos centros nos que se atope persoal.
O alcalde Telmo Martín e a concelleira de Educación, Paz Lago, mantiñan ao longo deste xoves un encontro telemático con representantes de nove centros escolares de Sanxenxo para analizar as necesidades educativas.
Paz Lago indicou que, atendendo ás demandas de escolares que carecen de acceso a Internet, nos próximos días o Concello fará chegar 'pinchos' USB aos domicilios dos menores para que poidan seguir a actividade educativa. Segundo indicou a concelleira de Educación, a Xunta ao longo do estado de alerta cedeu 176 computadores a familias de Sanxenxo para poder manterse a actividade do curso escolar.