A Deputación adxudica obras de conservación de firmes por valor de 2,2 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva informou da adxudicación dun contrato de obras de conservación de firmes en 3 zonas da rede viaria provincial por valor de 2,2 millóns de euros. Este contrato forma parte do acordo marco elaborado para tal fin.
Despois da paralización dos prazos, "tan pronto o Goberno de España permitiunos adxudicar nós xa tiñamos todo preparado", dixo a presidenta provincial. Nos próximos días adxudicaranse as obras na zona da comarca do Deza, cando resolva o contrato en vigor que tiña a empresa Nexia, actualmente en proceso concursal.
Carmela Silva compareceu este venres nunha rolda de prensa telemática para dar conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno provincial entre os que citou unha nova aprobación de fondos do Plan Concellos, por un montante global de 423.000 euros, destinados aos concellos de Silleda e Pazos de Borbén.
Por outra banda, con motivo da situación actual derivada da pandemia da Covid19, a Deputación non celebrará este ano o Día de Europa co programa "Degusta Europa" no seu habitual formato de degustacións nos mercados e prazas de abastos. A cita será agora nas redes sociais onde "compartiremos os menús dos anos anteriores das nosas tapas con produtos das Rías Baixas e animaremos a persoas moi relevantes da nosa gastronomía a que compartan as súas elaboracións", dixo Silva.
Ademais o vindeiro luns 11 de maio terá lugar unha videoconferencia coa doutora en Ciencia Política e experta da Unión Europea, Susana del Río, experta en políticas europeas.
O Goberno provincial tamén aprobou este venres un investimento de 162.000 euros para seguir sumando máis recursos en Smartpeme, a rede de puntos distribuídos polas diferentes comarcas da provincia de Pontevedra na que se presta un servizo de información e asesoramento presencial e personalizado sobre as TIC e as novas tecnoloxías.
Neste caso os novos recursos están dedicados ao sector terciario, ao comercio comerciante polo miúdo, ao persoal técnico de turismo dos concellos e para a capacitación tecnolóxica, asesoramento e impulso de novas iniciativas relacionadas co sector turístico.
Carmela Silva tamén explicou que dentro do proxecto Smartpeme crearase un sistema de asesoramento sobre as axudas en vigor de todas as administracións destinadas ás pemes e persoas autónomas.
Finalmente Carmela Silva anunciou que o audiovisual da campaña de promoción turística do ano 2019 "Fame de Experiencias" acaba de sumar un novo recoñecemento internacional ao ser galardoado co premio ao mellor vídeo de produtos turísticos ligados á gastronomía nos International Tour Film Fest de Bulgaria. É o cuarto premio que recibe este vídeo no que vai de ano.
CARAMOMIA
Aos asuntos propios da orde do día da Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, a presidenta quixo sumar nesta rolda de prensa telemática a presentación de "Caramomia" que é a novela xuvenil interactiva que escribirán Ledicia Costas, Miguel Pérez (Hematocrítico), María Lado e Daniel Landesa.
Carmela Silva quixo así promocionar este proxecto creativo bautizado como a 'Oito mans' e que se desenvolverá en Instagram. "A Deputación se alía coa Cultura para garantir o seu desenvolvemento durante o confinamento", dixo.
Relacionadas:
-
A Deputación aprobará este venres investimentos por case 2 millóns de euros para 18 concellos
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación inviste un millón de euros nas obras de conservación do firme
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación inicia por Sanxenxo o plan de conservación de firmes na zona do Salnés
Por Redacción |