A Uvigo suspende as probas físicas de acceso ao Grao de Ciencias da Actividade Física e o Deporte
Por Redacción
O acceso de novos alumnos ao grao de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, titulación que a Universidade de Vigo imparte no campus de Pontevedra, depende, ademais das cualificacións obtidas na ABAU e do expediente académico, da superación dunhas probas físicas. Mais para o próximo curso este último requisito será anulado pola situación excepcional provocada pola pandemia do Covid-19.
De acordo co recolleito na resolución reitoral, a admisión para o curso 2020-2021 no grao que se imparte na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte seguirá o procedemento xeral establecido para o acceso a estudos oficiais do Sistema Universitario de Galicia.
"O acceso será igual que para calquera outra carreira”, explica o decano de Ciencias da Educación e do Deporte, Vicente Romo. O tradicional exame físico estaba convocado para o 22 de maio e 18 de xuño pero pola situación sanitaria que impide a súa realización e tamén a correcta preparación das probas, a Universidade de Vigo seguiu o mesmo camiño que outros centros do país e decidiu eliminar este requisito.
As probas, que cada curso superaban a maioría dos aspirantes, tiñan unha validez de dous anos. Aqueles que obtiveron a cualificación de apto en 2019 non estaban obrigados a realizalas de novo no actual e, dada á súa anulación, os dereitos adquiridos por quen as superou o pasado curso manteranse en 2021. Tampouco terá que realizalas de novo o estudantado que as superase o pasado curso noutra universidade española.
Así mesmo procederase de oficio á devolución dos importes abonados en concepto de dereitos de exame por aqueles estudantes que formalizaron a súa inscrición nas probas.
Relacionadas:
-
A Uvigo suspende outra vez as probas físicas para acceder á titulación de Ciencias da Actividade Física e do Deporte
Por Redacción |
-
Vinte alumnos estrearán a modalidade virtual do grao en Dirección e Xestión Pública
Por Redacción |
-
A Universidade non pecha a porta á presencialidade para os exames finais
Por Redacción |
-
A Universidade de Vigo facilita un manual de urxencia para a avaliación durante o COVID19
Por Redacción |