Regresa a Caldas de Reis o mercado dos luns para a venda de produtos agrícolas
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis informa que o vindeiro luns, día 11, se retomará o tradicional mercado semanal que se celebra na rúa Real, no Campo da Torre e en Fermín García.
A reapertura producirase despois de que a Xunta e o Goberno central acordasen autorizar aos concellos a celebración de mercados locais baixo estritas condicións de seguridade. Tratarase, en todo caso, dunha reapertura parcial porque só se permite a venda de produtos agrícolas e gandeiros, produtos alimentarios e perecedoiros. Quedarán excluídos polo de agora postos de roupa, ferramentas ou útiles domésticos.
Os postos estarán separados cunha distancia mínima de seguridade de 6 metros. Os vendedores dun mesmo posto deberán estar separados polo menos dous metros un do outro e deberán usar máscaras e luvas para tocar os produtos, así como dispor de material desinfectante. Os usuarios tamén deberán gardar as medidas de distanciamento e protección individual. A Policía Local encargarase de facer cumprir as normas establecidas.
Doutra banda, o alcalde, Juan Manuel Rey, anunciou que no marco dos acordos alcanzados nas reunións entre os grupos municipais se decidiu exonerar aos vendedores do mercado dos luns das taxas por ocupación de vía pública polo prazo de 6 meses, con posibilidade de ampliar este período.
O rexedor tamén anunciou que de cara o futuro, cando o mercado se poida abrir ao 100%, se tratará de ampliar o espazo para os postos cara outras rúas coa finalidade de favorecer o distanciamento social.
O Concello lembra que permanecen habilitados os aparcadoiros gratuítos da Tafona, Porto do Río e Pasionistas, que son de gran utilidade para estacionar con facilidade e acceder a pé ao centro para comprar no mercado, evitando desprazamentos innecesarios na busca doutra praza.
Así mesmo, o Concello prohibiu o estacionamento na totalidade da rúa Sagasta, coa finalidade de aumentar os espazos de uso peonil e facilitar o mantemento da distancia de seguridade por parte dos peóns.
Relacionadas:
-
Caldas segue traballando con hostaleiros e comerciantes nun plan conxunto de protección e reactivación
Por Redacción |
-
'Caldas, Cultura Quente' ofrecerá un programa lúdico e cultural adaptado ás limitacións da pandemia
Por Redacción |
-
O Centro Comarcal da Tafona de Caldas continúa coa repartición de máscaras infantís
Por Redacción |
-
A música afianza os vínculos entre Caldas e municipios 'irmáns' de Colombia e Portugal
Por Redacción |