Cortan ao tráfico durante a fin de semana unha zona en Dena para favorecer o distanciamento dos peóns
Por Redacción
Varias rúas do núcleo de Dena permanecerán cortadas ao tráfico rodado os días de fin de semana durante a fase de desescalada.
Así o anunciou o Concello de Meaño, que pretende con esta decisión dotar de maior seguridade ás persoas que pasean pola zona ou realizan deporte, ao contar cun maior espazo que favorece o distanciamento.
En concreto a zona afectada pola medida é a que vai desde a Praza Nova- Aparcamento ata a área recreativa dos Pasales.
O corte de tráfico faise efectivo desde as 18:00 horas deste sábado ata as 23:00 horas do domingo 10 de maio.
"A zona da desembocadura do río da Chanca, a área recreativa dos Pasales e o paseo da ría de Dena está sendo unha das zonas máis transitadas pola poboación meañesa para pasear e facer deporte, sobre todo a fin de semana", xustificou o alcalde, Carlos Viéitez.