O servizo de xxuda no fogar atendeu 18 peticións relacionadas coa COVID-19 desde o inicio da pandemia
Por Redacción
Desde o inicio da crise sanitaria e o confinamento obrigado dos cidadáns, o servizo municipal de Axuda no Fogar de Pontevedra prestou atención a preto de 200 persoas.
Son datos trasladados pola concellería de Benestar Social, que sinalan que ademais de asistir ás 180 persoas usuarias habituais deste servizo, a empresa contratada para realizar este servizo atendeu ata 18 casos relacionados co coronavirus.
En concreto trátase de persoas dependentes que deron positivo en Covid-19 e tamén debido á afectación de familiares ou coidadores habituais.
Segundo a edil responsable, Paloma Castro, estes casos derivaron de "casos positivos non graves, aos que se lles deu o alta hospitalaria en Montecelo e enviouse para as súas casas".
O Servizo de Axuda no Fogar interveu para axudar a sete unidades de convivencia na que algún dos membros tivo o coronavirus e outros non, facendo imprescindible o illamento dos afectados.
"Atendeuse a maiores, persoas con problemas de mobilidade e dependentes en xeral, que deron positivo por Covid-19 e tamén algúns casos de persoas dependentes que tiñan familiares co virus e que, por tanto, non podían ser atendidos por eles", explicou a edil.
Castro defendeu ademais que o Servizo de Axuda no Hogar de Pontevedra ten contempladas 114.884 horas anuais de servizo e que, dos 180 usuarios os que atende, "40 deles son de libre concorrencia, é dicir, non teñen a dependencia recoñecida pola Xunta e é o Concello o que se encarga de financiar integramente a súa atención".