Colectivos ecoloxistas de Bueu denuncian unha agresión aos salgueiros do río Bispo
Por Oskar Viéitez
A asociación micolóxica naturalista Liboreiro e a asociación ecoloxista Anduxía, as dúas de Bueu, veñen de denunciar unha agresión aos salgueiros do río Bispo.
Segundo explican estes dous colectivos, o paseo do río Bispo, entre o lavadoiro de Pazos Fontela e a chamada Fonte do Cura, é un dos poucos espazos públicos do municipio que se conservan con especies arbóreas autóctonas.
Nun escrito dirixido ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, aseguran que o pasado venres día 8 de maio comezaron unhas rozas mecánicas nesta zona que afectaron a dous exemplares de Salix atrocinerea (salgueiros) árbore típica das beiras dos ríos galegos.
Como consecuencia deste desbroce as árbores quedaron "gravemente danados no tronco" pola acción dun tractor ou maquinaria pesada que actuou "sen o mínimo coidado".
Por outra banda, estas asociacións tamén informan que na zona do antigo campo de fútbol existe unha formación vexetal única dunha planta rara en Galicia coñecida como Rabo de Cabalo (Equisetum telmateia) que tamén corre perigo de ser desbrozada.
Por estes motivos solicitan ao alcalde que se extreme o coidado nas rozas para evitar este tipo de danos ás árbores autóctonas e que se respecte o perímetro donde está a formación da planta Rabo de Cabalo.
Por último piden que se planten mais árbores autóctonas ao longo deste paseo nas zonas desarboradas.