Poio solicita á Xunta que garanta a protección do persoal dos centros educativos
Por Redacción
O Concello de Poio remitiu un escrito á Xunta de Galicia a través do cal insta á administración autonómica a que tome as medidas pertinentes para garantir a seguridade do persoal dos centros educativos que comezarán a traballar nos colexios e institutos, a partir do vindeiro luns 11 de maio, para realizar tarefas como as tramitacións de matrículas do vindeiro curso.
No caso de Poio, a concelleira de Educación, Raquel Rodríguez, entende que a consellería debe achegar material que garanta esa protección, como son xel, mascarillas e luvas aos profesionais dos centros educativos do municipio, con cuxas direccións o departamento municipal vén traballando de xeito coordinado desde o inicio do estado de alarma para tratar de dar resposta ás súas necesidades.
Neste sentido, a concelleira lembra que, froito desta coordinación, foi posible que o Concello se implicase no reparto de material escolar a uns, aproximadamente, 70 alumnos da vila.
Por último, Rodríguez incide en que esta achega "é unha medida coa que colaboramos, dada a falta de resposta da Xunta de Galicia á hora de garantir unha educación igualitaria entre todos os alumnos e alumnas desde que se cancelaron as clases por mor da expansión da COVID-19".
Este reparto fíxose en base ás xestións realizadas polas direccións dos centros educativos, que son os responsables de realizar estas tramitacións.
Relacionadas:
-
Poio adiantará as habituais tarefas de mantemento e limpeza dos colexios
Por Redacción |
-
Educación reabre o prazo de admisión nos centros escolares para o curso 2020-2021
Por Redacción |
-
Máis de 1.200 horas de voluntariado para axudar a que a crise sanitaria sexa máis levadía en Poio
Por Redacción |
-
Poio quere ampliar os espazos para terrazas de establecementos de hostalería
Por Redacción |
-
Non haberá clases presenciais ata setembro e os colexios só abrirán "como excepción"
Por Alejandro Espiño |