Doan 2.000 metros de tea homologada para axudar na confección de máscaras para os pontevedreses
Por Redacción
As veciñas de Pontevedra Marieli Touza, María Rey (ex concelleira no Concello por Cidadáns) e Marga Soliño acaban de recibir unha doazón da empresa Ence que lles facilitará levar a cabo un proxecto solidario que levan acometendo desde o inicio da pandemia do coronavirus: coa axuda de 25 persoas voluntarias, confeccionan e reparten máscaras de protección entre a cidadanía.
En concreto, Ence acaba de doarlles dunha bobina de 2.000 metros de tea homologada téxtil non tecida (TNT) para que continúen con esta iniciativa que puxeron en marcha de maneira altruísta. Este material serve para fabricar máscaras e protexer así á poboación de posibles contaxios da Covid-19.
Estas tres veciñas de Pontevedra puxeron en marcha a iniciativa, pero durante as últimas semanas fóronselle sumando 25 persoas voluntarias, moitas delas modistas, que fixeron posible o proxecto. Para a elaboración das máscaras recibiron doazóns de empresas como Ence ou Tegal
Este proxecto, que foi crecendo co paso das semanas, nutriuse principalmente do boca a boca e da difusión en redes sociais, ademais de contar coa colaboración de asociacións culturais e de veciños, as cales fixeron posible chegar a un amplo abanico de pontevedreses que non dispoñen deste material básico de protección ante o coronavirus.
Segundo declaracións difundidas por Ence, María Rey destaca que durante a fase de desescalada as máscaras converteranse nun medio de protección imprescindible, razón pola que queren dotar a todos a poboación dos medios necesarios para evitar contaxios, "contribuíndo deste xeito a reactivar a economía local dun modo seguro.
Estas máscaras poden ser solicitadas por calquera veciño de forma totalmente gratuíta, enviando unha mensaxe de WhatsApp ao número 635 429 035, indicando a cantidade que necesitan e a súa dirección.