A restauración da Torre dos Montenegro incluirá a consolidación dos restos da muralla
Por Alejandro Espiño
O ámbito de Santa María volve a estar en obras. Neste caso, son os traballos para restaurar a coñecida como Torre dos Montenegro, que caeu parcialmente polas chuvias do inverno, e consolidar todos estes restos arqueolóxicos.
Os traballos, que serán coordinados polo arqueólogo municipal, comezaron este luns, segundo avanzou o Concello de Pontevedra. Neles actuarán tres empresas da cidade.
A través dun investimento de 27.963 euros, BIC Materiales y Conservación SL ocuparase das tarefas de restauración, APC Arqueoloxía Patrimonio Cultural realizará o control arqueolóxico dos traballos e ACEVI realizará os traballos de obra e execución da solución de cimentación.
O ámbito desta restauración, sinala o goberno municipal, queda constituído polos vestixios arqueolóxicos da casa-torre dos Montenegro, antigo pazo urbano de orixe baixomedieval, do que só se conservan os alicerces, e que están expostos ao aire libre.
Atendendo á exhaustiva documentación topográfica e fotográfica dos vestixios arqueolóxicos de Santa María, o Concello ten plenas garantías de poder devolver a estrutura á situación anterior, reforzada para evitar que no futuro se volva reproducir este problema.
Así, a torre dos Montenegro volverá a recuperar o seu estado previo e incorporará un reforzo da cimentación e da drenaxe interna. Toda a zona quedará tapada en planta con una capa xeotéxtil e grava, xa que actualmente ten unha excesiva colonización vexetal.
Dentro de estas obras, tamén se contempla a consolidación puntual da muralla medieval nos puntos onde foi afectada pola caída de pedras, a mellora dos enfuscados dos tramos da muralla reconstruídos con bloques de cemento e a limpeza xeral de todo o conxunto.
Relacionadas:
-
A restauración dos restos da Casa-Torre dos Montenegro rematará a vindeira semana
Por Redacción |
-
Construtores de Pontevedra piden ao Concello 'primar' a contratación de empresas locais
Por Alejandro Espiño |
-
Un equipo multidisciplinar rehabilitará en primavera o xacemento de Santa María
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello restaurará os restos da Torre dos Montenegro desprendidos pola choiva
Por Redacción |
-
As choivas provocan o derrubamento de parte da Torre dos Montenegro, no Campiño de Santa María
Por Redacción & Cristina Saiz |