O goberno local de Poio nega que Facenda teña intervido o orzamento e defende a estabilidade económica
Por Redacción
O concelleiro de Facenda de Poio, Xulio Barreiro, respondeu este luns ás críticas realizadas a pasada semana polo PP local, que fixo público que o Ministerio de Facenda interviría o orzamento do Concello de Poio tras os "graves incumprimentos" na regra de gasto e na estabilidade orzamentaria e sería necesario elaborar un plan económico financeiro.
Desde o goberno local queren aclarar que ese plan non suporá "un problema de gravidade" para a situación económica do Concello, que define como "moi estable".
Xulio Barreiro tamén negou que se vaia a producir "ningún tipo de intervención", tal e como denuncia o grupo da oposición. "Estamos lonxe diso", enfatizou.
O edil do goberno local confirma que será preciso deixar de gastar 600.000 euros en diferentes apartados, pero que este feito non pon en perigo a estabilidade económica da administración local.
De feito, lembra que a liquidación do orzamento correspondente a 2019 pechouse en 17 millóns de euros, case cinco máis dos estimados cando se aprobaron as contas (12,5 millóns de euros) e a previsión para 2020 é que se produza tamén un superávit importante.
Ademais, lembra que a débeda municipal reduciuse de xeito drástico. En 2007, estaba fixada en 9 millóns de euros, mentres que agora está en 5,5, "moi lonxe do máximo permitido pola lei".
Barreiro engade que a actual regra de gasto supón "unha normativa inxusta" para concellos que están en crecemento económico, como é o caso de Poio. "É unha regra pensada para que se xere superávit, o problema é que se lle aplica por igual a todas as administracións públicas, cando non deberían ser así", indicou Barreiro.
Como exemplo, explicou que se o Concello non tivera realizado a humanización da contorna da Caeira, que custou 700.000 euros que saíron do remanente de Tesourería e que incluíu a mellora de varias rúas, teríacumprido a regra de gasto, "pero a veciñanza non gozaría dunha actuación que era moi necesaria".
Relacionadas:
-
Poio destinará parte do remanente do 2019 ao pago de gastos xerais e facturas
Por Redacción |
-
Poio aproba por unanimidade o plan financieiro para estabilizar a súa economía
Por Redacción |
-
O Partido Popular alerta de que o Concello de Poio "está en risco de fusionarse" con outro municipio
Por Redacción |
-
O PP anuncia "un auténtico 'artigo 155' do Estado sobre Poio"
Por Oskar Viéitez |