'Eloxios, agradecementos e protección' no Día Internacional da Enfermería
Por Marisa Ciordia
O Colexio Oficial de Enfermería de Pontevedra, a través da súa páxina web, recolle este 12 de maio unha referencia especial a esta data que está sinalada no calendario como Día Internacional da Enfermería. Para iso ponse nome e apelidos a profesionais da área sanitaria da provincia.
O lema para conmemoración deste 2020 é: 'Enfermería: unha voz para liderar - Levando ao mundo cara á saúde'. E o que fan é precisamente iso, dar voz ao colectivo a través de entrevistas, nas que mostran a súa perspectiva particular do exercicio da profesión e tamén as reivindicacións do colectivo nun momento especialmente intenso e de risco ante a pandemia provovada polo coronavirus.
Carlos Fernández Gómez, presidente da entidade colexiada en Pontevedra, sinala a PontevedraViva que esperan que "a atención social que estamos a ter sirva para responder as nosas reinvindicacións como son as listas de contratación eventuais, a implantación das especialidades en enfermería e que se axusten os cocientes de forma que haxa un número de profesionais suficientes para prestar unha atención de calidade".
Esas reclamacións son coincidentes nas entrevistas que o Colexio ofrece na súa web oficial. Unha delas corresponde a Ana Bello, supervisora da Unidade da 3ª Planta no Hospital do Salnés, que se converteu "na planta COVID. Iso supuxo transformar todo, as formas de traballar, adaptar todos os protocolos con cambios que ao principio eran constantes, e todo o que iso esixe. Debo dicir que todo o equipo da unidade mantivo unha actitude encomiable, mantendo información, comunicación e apoio ao equipo de planta e resto do hospital. Todo o mundo está a dar o mellor de si. A resposta foi extraordinaria e xerouse moi bo ambiente", explica na entrevista.
En relación ao momento actual e o máis inmediato, Fernández Gómez, tamén pon a atención no persoal de enfermería de Atención Primaria xa que "coa desescalada quen está nesa primeira liña é este colectivo, polo que se debería priorizar que se lles fagan test".
Relacionadas:
-
Varios sindicatos sanitarios convocan concentracións diante dos hospitais para esixir máis medios
Por Oskar Viéitez |
-
Sanidade confirma o contaxio por coronavirus de 75 sanitarios, dos que 22 se recuperaron
Por Natalia Puga |
-
O persoal do ambulatorio Virxe Peregrina recorre a bolsas de lixo ante a carencia de EPIS
Por Marisa Ciordia |
-
Reclaman apoio psicolóxico para o persoal sanitario que combate o avance de coronavirus
Por Redacción |