O Partido Popular alerta de que o Concello de Poio "está en risco de fusionarse" con outro municipio
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular de Poio deu a voz de alarma ao entender que o Concello se atopa en "serio risco de ser fusionado a un dos concellos lindeiros" como Sanxenxo, Meis, Meaño ou Pontevedra.
Segundo a denuncia dos populares, o concelleiro de Facenda Xulio Barreiro mente ao dicir que Poio non está intervido e defender a estabilidade económica do municipio. Sergio Pereira, concelleiro popular, afirma que hai informes que acreditan a intervención e a situación crítica por incumprir a lei de estabilidade orzamentaria.
O encargado do PP na área de Facenda anuncia que o Goberno do Estado establece medidas moi drásticas coa redución dun 60% do gasto a provedores respecto a 2019, a supresión de 603.000 euros do orzamento municipal, ou de non poder seguir utilizando o remanente de tesourería.
Ademais, sinala que o informe da interventora municipal, segundo os criterios marcados polo Ministerio, expón que o futuro de Poio como municipio "está no aire" xa que propón a fusión con outro concello lindeiro da mesma provincia.
Os populares denuncian a mala xestión e as imprudencias do grupo tripartito que goberna Poio ao "incumprir, de forma sistemática, a regra de gasto e a estabilidade orzamentaria".
Reclama que adopten as medidas económicas que impón o ministerio para evitar que Poio termine fusionándose con algún outro concello. Pereira acusa a Xulio Barreiro de "mentir sen ningún tipo de escrúpulo" e avanza que, se continúa nesta liña, pedirán a súa "reprobación e mesmo a súa dimisión".