Os hostaleiros alertan de terrazas masificadas e piden aos clientes que sexan responsables
Por Manu Otero
Dous meses despois, as terrazas de Pontevedra volveron abrir. E como ocorreu cando se volveu a permitir saír a pasear, as ganas puideron coa prudencia. Poucos foron os bares que decidiron retomar a actividade, pero aqueles que o fixeron viviron verdadeiras avalanchas de clientes ansiosos por compartir unha caña con amigos.
"Houbo problemas e algún non cumpriu as normas", recoñece o presidente da Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo), Víctor Pampín.
Nos grupos do sector, houbo hostaleiros que compartiron as súas sensancións do primeiro día. E moitos coinciden en que se viron superados pola masiva afluencia de clientes. "Desinformación e pouco civismo", resume unha hostaleira a súa xornada.
"Fun incapaz de dominar a situación, foi horrible, doíame o estómago de ver que ninguén me facía caso, pechei ás nove da noite a gritpo pelado. Moi mala a miña experiencia", engade a traballadora que puido constatar que este martes a situación era máis levadía.
Comprenden os hostaleiros as ganas de volver reunirse con amigos e agradecen a confianza dos clientes, pero piden prudencia e responsabilidade á hora de acudir a unha terraza. "Onte foi un desenfreo, eu sabía que viña unha avalancha e tampouco me vexo facendo de policía", explica Marta González, dona da Gramola, unha das razóns polas que o seu negocio permanece pechado.
O aspecto económico é o principal motivo polo que a maioría de bares decidiron non subir a persiana. "A maioría non abrimos porque non é rendible, hai gastos de persoal, de luz... é inviable", explica Pampín. "É cuestión de números", engade Ángel Sorey, da Taberna Zentola. "A un 50 % de terraza, eu só teño tres mesas e mira que na rúa de atrás estou eu só, pero unha mesa e media non me compensa", detalla Carlos Fontán, da cervexaría O Bruc.
A falta de claridade nas medidas sanitarias tampouco serve para animar a retomar a actividade. "Hai confusión en canto ás normas e é difícil facer que os clientes cumpran coa distancia de seguridade", sinala Sorey. "Nin sequera puideron dicirnos se poderiamos poñer petiscos ou non", reclama Marta, que pide un protocolo de seguridade claro para volver á actividade.
O distanciamento social é unha das medidas que máis se incumpriu na primeira xornada de apertura das terrazas. É un propio hostaleiro o que deu onte un paseo pola zona vella para analizar o comportamento dos clientes e compartilo cos seus compañeiros de sector.
"Os clientes chegan e xa está completo pero presionan e ti acabas poñendo unha mesita máis. Logo chegan outros e póñense de pé esperando pero xa che piden de beber e acabas dándolle unha porque che fai falta e porque son os teus clientes e tes medo a perdelos", diagnostica este hostaleiro. "Así cada vez vai chegando xente, non fai falta moita para cargarse o aforo pois todos temos poucas mesas, e ao final nin distancia de seguridade, nin máscaras", apostila.
Esta situación que se viviu en moitas prazas da cidade acabou nalgúns casos coa intervención da Policía Nacional. "Alguén o ve desde unha casa ou mesmo un cliente prudente chama á poli, que vén e renxe ao propietario. E a sanción non é pequena. Sei dun que onte foi sancionado e seguro que houbo máis", alerta.
Por todo iso, a maior parte do sector na cidade está decidido a manterse pechado polo menos ata a fase tres. "Estamos a barallar xuño, pero a ver como pasan estes quince días e que non haxa ningún rebrote", espera Marta que confesa estar desexosa de reecontrarse cos seus clientes. "Por ganas abririamos xa, pero imos esperar", sostén Sorey sen marcarse ningunha data.
Mentres tanto, os hostaleiros seguen negociando coas administracións e este mércores está prevista un encontro entre asociacións de comerciantes da cidade para pactar peticións e facerllas chegar ao Goberno. "Agora necesitamos feitos", esixen os hostaleiros.
Relacionadas:
-
Taberna Zentola anuncia que as probas da COVID-19 aos seus empregados deron negativo
Por María José Pita |
-
Os hostaleiros de Pontevedra, entre a necesidade, unha clientela desbocada e a presión policial
Por Manu Otero |
-
Doce denuncias a bares de Pontevedra por incumprir a normativa das terrazas
Por Oskar Viéitez |
-
Sábado de terraceo con bo tempo e sen incidentes
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
O Concello asesora aos hostaleiros para redistribuír as terrazas e ampliar ao máximo o número de mesas
Por Redacción |
-
A policía será "máis contundente" na súa vixilancia sobre o cumprimento do aforo nas terrazas
Por Manu Otero |
-
Primeiro día de reapertura das terrazas: poucas abertas e cheas de xente
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Os hostaleiros de Pontevedra piden ao alcalde a supresión de taxas e asumen que o día 11 non poderán abrir
Por Manu Otero |
-
As terrazas da hostalería poderán encherse ata a metade da súa capacidade
Por Alejandro Espiño |