Quirónsalud Miguel Domínguez retoma a actividade cirúrxica programada, as consultas, a fisioterapia e as probas diagnósticas
Por María José Pita
O hospital Quirónsalud Miguel Domínguez retomou a súa actividade dentro do proceso de normalización autorizado por Sanidade, reactivando as operacións programadas, as consultas con especialistas, probas diagnósticas e procesos de rehabilitación.
Para garantir a seguridade clínica do paciente, o hospital revisou todos os seus circuítos e implantou un conxunto de protocolos en todas as áreas do centro sanitario con medidas dirixidas á prevención fronte á COVID-19, garantir as distancias de seguridade e reducir os tempos de espera, na liña das recomendacións do Ministerio de Sanidade e da Xunta de Galicia.
Ademais, realizou probas para a detección de COVID-19 a todos os seus traballadores e profesionais asociados, para preservar a súa seguridade e a dos seus pacientes.
PUNTUALIDADE E MÁSCARA
O hospital solicita a colaboración dos pacientes para que acudan con puntualidade ás súas citas, é tan importante non chegar antes de tempo como non facelo despois. Terán que acudir sen acompañante, salvo que sexa imprescindible, e con máscara. En caso de non dispoñer de máscara, o centro facilitaralla.
As consultas con médicos especialistas e as probas diagnósticas reorganizáronse co obxectivo de cumprir con puntualidade as citas e reducir a presenza de pacientes nas salas de espera, que se acondicionaron para respectar as distancias de seguridade. Nesta mesma liña, naqueles casos nos que non sexa necesaria a exploración física, o hospital fomentará a opción da teleconsulta, xa sexa por vídeo ou por teléfono.
No caso dos pacientes cirúrxicos, realizarase un screening previo e proporcionaráselle a información necesaria, segundo cada tipo de intervención. Ademais, o hospital xa se dotou dun circuíto COVID-19 e non COVID-19 para atender as necesidades de cada paciente.
Estes protocolos tamén se aplicarán no Instituto de Neurorrehabilitación, situado en Poio, no Centro Médico de consultas da rúa Castelao e no Centro de Rehabilitación da rúa San Pedro Alcántara, que retoman a súa actividade ambulatoria.
DÚBIDAS
As medidas de prevención e seguridade fronte á COVID-19 provocaron que se modifique a forma de traballar nos centros de carácter sanitario. Conscientes diso, para resolver calquera dúbida que poida xurdir antes, durante ou despois da súa visita ao hospital, os usuarios poden dirixirse a calquera mostrador de información ou ben chamar aos teléfonos 986 85 68 00 ó 986 80 74 88 e preguntar polos servizos de Admisión ou Atención ao Paciente.