A Deputación proporá aos alcaldes intervencións efémeras e urxentes para recuperar o espazo público
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra vén de convocar aos alcaldes da provincia a realizar un encontro telemático este xoves no que debater sobre a necesidade de recuperar o espazo público nos concellos da provincia.
O deputado de Mobilidade e Espazos Públicos, Uxío Benítez, exporá aos mandatarios unha novidosa iniciativa para traballar cos gobernos locais co obxectivo de multiplicar a superficie destinada ás persoas fronte aos coches. Na xornada tamén se debaterá sobre os modelos de intervención rápida para realizar actuación urxentes con motivo da COVID-19.
COBRO DE TAXAS E IMPOSTOS
Este martes a Deputación de Pontevedra volveu celebrar unha nova xuntanza de coordinación e asesoramento cos concellos da provincia, esta vez destinada a esclarecer dúbidas e dar seguridade xurídica respecto a política tributaria.
Un total de 31 alcaldes participaron na reunión telemática coordinada polo deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, e a directora do Organismo de Recadación Local (ORAL), Inmaculada Viñas, para despexar tódalas incógnitas respecto ao cobro de taxas e impostos nunha complicada anualidade fiscal, marcada polos efectos da pandemia e a suspensión de prazos derivada do estado de alarma.