Solidariedade internacional desde Galicia para frear o coronavirus en países desprotexidos
Por Redacción
Sufrimos unha pandemia global sen precedentes e as súas consecuencias continuarán notándose durante moito tempo. Hai países máis empobrecidos que sufrirán de forma moi dura as consecuencias que xa se detectan na sociedade occidental.
Por este motivo desde o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade púxose en marcha a campaña #OsMunicipiosCooperan na que concellos como Pontevedra, Poio, Caldas de Reis, Bueu, Barro e Cambados, ademais da Deputación de Pontevedra participan.
Esta campaña está aberta a todas aquelas que queiran participar a través das redes sociais e pídese a colaboración compartindo vídeos e publicando mensaxes de apoio nas redes co cancelo #OsMunicipiosCooperan!
Os vídeos de lanzamento están protagonizados por representantes políticos, persoal técnico e dirixentes de asociacións de concellos e lánzanse desde este mércores 13 ata o 25 de maio, Día de África, nas diferentes redes sociais co obxectivo de sensibilizar á poboación.
Moitos países de África lusófona, onde o Fondo Galego concentra os seus proxectos de cooperación e desenvolvemento, a pandemia actual coincide con outras epidemias anteriores e a con unha situación de crise permanente.