O Concello asesora aos hostaleiros para redistribuír as terrazas e ampliar ao máximo o número de mesas
Por Redacción
A entrada de Pontevedra na fase 1 da desescalada conleva a apertura das terrazas do sector hostaleiro. Con todo, as restricións de aforo e falta de claridade nas medidas sanitarias do Goberno fixeron que moitos empresarios preferisen manterse pechados.
Co obxectivo de axudar a aqueles que decidiron reabrir os seus negocios, o Concello de Pontevedra puxo en marcha un servizo de asesoramento para axudar a redistribuír o espazo das terrazas.
Esta medida consiste en "estudar o espazo dispoñible para redistribuílo ou amplialo, sempre atendendo ás medidas de seguridade esixidas e á compatibilización de usos, para tratar de que os establecementos hostaleiros poidan instalar o maior número de veladores permitido e do xeito máis favorable", explican desde o departamento de Ocupación de Espazos Públicos que dirixe a concelleira Eva Vilaverde.
Lembran desde o goberno local que este servizo manterase activo ao longo de todas as fases da escalada, pero que polo momento só fixeron uso del, un total de 27 establecementos.
"A maioría dos establecementos abriron atendendo ás normas e sen solicitar asesoramento e que o número de solicitudes que recibiu o Concello se corresponde con locais que ou ben teñen dúbidas sobre a aplicación das restricións ou precisan asesoramento sobre a mellor forma de resdistribuír o espazo dedicado á terraza", detallan desde o executivo pontevedrés.
Aínda así, Vilaverde quixo destacar que os profesionais do sector "están tendo unha actitude proactiva e sensata e cumpren as normas".
No referente ás incidencias despois de dous días de apertura das terrazas, Vilaverde sinala que a Policía Local realizou a inspección de 150 establecementos dos que 12 estaban abertos e cos veladores cumprindo a normas de seguridade.
Na xornada do luns, só se realizaron teareas de comprobación puntual que se liquidaron con apercibimentos, excepto nun único caso no que se procedeu a tramitar a denuncia, detallan desde o Concello.
Relacionadas:
-
O Concello deixa de ingresar máis de 65.000 euros pola redución da taxa de veladores nun 31,5%
Por Oskar Viéitez |
-
Ampliación do horario de peche de veladores durante o verán
Por Redacción |
-
Os hostaleiros de Pontevedra, entre a necesidade, unha clientela desbocada e a presión policial
Por Manu Otero |
-
Doce denuncias a bares de Pontevedra por incumprir a normativa das terrazas
Por Oskar Viéitez |
-
Activan de novo o sistema de aparcamento de servizos en Pontevedra ante a desescalada
Por Redacción |
-
A policía será "máis contundente" na súa vixilancia sobre o cumprimento do aforo nas terrazas
Por Manu Otero |
-
Os hostaleiros alertan de terrazas masificadas e piden aos clientes que sexan responsables
Por Manu Otero |
-
Primeiro día de reapertura das terrazas: poucas abertas e cheas de xente
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Os hostaleiros de Pontevedra piden ao alcalde a supresión de taxas e asumen que o día 11 non poderán abrir
Por Manu Otero |