Denuncian que o xulgado de violencia sobre a muller na Parda queda reducido a só 70 metros cadrados
Por Redacción
O sindicato Alternativas na Xustiza- CUT (AXG-CUT) denuncia publicamente que o xulgado de violencia sobre a muller de Pontevedra atópase confinado nun espazo de 70 metros cadrados e as vítimas terán que realizar as súas denuncias nunha zona de apenas 10 metros cadrados.
Pablo Valeiras, de AXG-CUT, sinala que a reorganización do vello edificio dos xulgados da Parda onde se instalaron actualmente os departamentos da Fiscalía, os tres xulgados de instrución, vixilancia penal, o xulgado de menores, penais e o decanato, contempla tamén un espazo para o xulgado de violencia sobre a muller que reduce á metade o número de metros cadrados que tiña ata o de agora, pasando de 140 metros a tan só 70.
Para o sindicato denunciante, a inauguración do novo edificio dos xulgados da Parda non resolveu as necesidades xudiciais para Pontevedra que viñan demandando desde hai anos.
Segundo apuntan, dentro das obras que se van realizar para reformar o antigo edificio non está previsto crear unha nova sala para as vítimas que denuncian ás súas parellas por violencia de xénero e que permita a garantía da intimidade e seguridade necesarias para este tipo de causas.
Indican, ademais, que en pleno estado de alarma pola expansión da Covid-19, a sala para vítimas non mostra o suficiente espazo para evitar posibles contaxios ou mesmo para evitar que outras vítimas, en caso de coincidencia, non escoiten a conversación entre un avogado e outra muller que presente denuncia.
A sala actual do edificio antigo da Parda é, segundo AXG- CUT, pouco máis que un "cuchitril", que resulta da adaptación dunha zona de paso entre xulgados onde antes etsaban instalada unha fotocopiadora.
Demandan unha nova sala máis ampla e con sistema de gravación que recolla as declaracións das vítimas relativas a estas causas para evitar ameazas e intentos de agresión que, en ocasións, se producen por parte dos familiares do denunciado, segundo relata este sindicato.
Relacionadas:
-
SPJ-USO sinala que os traslados de órganos xudiciais no edificio antigo de A Parda están suspendidos "sine die"
Por Redacción |
-
Regresa a actividade aos xulgados da Parda
Por Oskar Viéitez |
-
Editan unha guía práctica para resolver as dúbidas dos xuíces durante o estado de alarma
Por Oskar Viéitez |
-
A actividade xudicial, tamén alterada polo coronavirus
Por Natalia Puga |