O confinamento chegou a reducir ata o 57% a contaminación do aire de Pontevedra
Por Redacción
Na cidade de Pontevedra as medidas adoptadas polo confinamento melloraron a calidade do aire en canto á concentración de Dióxido de Nitróxeno NO2. As medidas establecidas pola declaración do estado de alarma para evitar a propagación do coronavirus contribuíron a reducir o tráfico na cidade e, polo tanto, a mellorar a calidade do seu aire reducindo a polución en máis da metade, en función das distintas etapas da corentena.
Así o constata un informe elaborado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) sobre o impacto do confinamento na contaminación do aire das principais cidades galegas por mor do tráfico, partindo dos datos de polución rexistrados polas estacións de vixilancia ambiental de Meteogalicia e comparándoos cos do ano pasado e coa etapa previa á crise sanitaria.
Para entender mellor as conclusións convén aclarar que Adega divide estas análise en tres etapas: desde comezos do ano 2020 ata a declaración do Estado de alarma (etapa A); desde o 14 de marzo ata o 30 de marzo ou fase inicial do confinamento (etapa B) e desde o 1 de abril ata o 1 de maio ou segunda fase do confinamento (etapa C), na que os desprazamentos se limitaron ás actividades esenciais.
No caso de Pontevedra, utilizáronse como referencia os datos da estación de Campolongo e, como conclusión, Adega sinala que rexistrou unha baixada do 44% de presenza de NO2 no aire na primeira etapa do confinamento con respecto á etapa previa ao estado de alarma, e chegou ata o 57% desde que se adoptaron as medidas máis esixentes.
Adega fala dunha diminución "evidente" da polución dende que comezou o confinamento que se mantén en cada una das etapas. Así, no que eles denominan a primeira fase do confinamento, motivou unha redución dun 44% con respecto a etapa anterior, e a adopción das medidas máis estritas reduciu nun 34% a concentración do NO2 con respecto á etapa inicial do confinamento, sendo a redución da etapa do confinamento con respecto á do comezo do ano dun 57%.
Nesta estación de Campolongo, os valores máximos de NO2 rexistráronse na primeira etapa antes do confinamento a principios de ano. Na primeira etapa do confinamento reducíronse a case á metade, e a algo máis da metade unha vez adoptadas as medidas estritas.
Tendo en conta os valores rexistrados no 2019, compróbase que a redución a principios de ano foi dun 31%, aumentando ata un 56% na segunda fase do confinamento (o que denominan etapa B). Durante a etapa do confinamento (BC) a concentración de NO2 reduciuse en máis da metade con respecto ao ano anterior.
Todas as cidades galegas, agás Ferrol, diminuíron en máis da metade a súa contaminación por tráfico con respecto a 2019 durante as distintas etapas do período de confinamento.
En todo caso, a asociación sinala que os resultados deste estudo son orientativos por canto o impacto real da COVID-19 na mellora da calidade do aire debería avaliarse tendo en contra outros factores que eles non puideroj analizar como o impacto do cese parcial da industria na contaminación atmosférica, a meteoroloxía das diferentes etapas, ou aqueles factores indirectos que poderían alterar o correcto rexistro de datos nas estacións de vixilancia ambiental.