Os xuíces da Audiencia de Pontevedra realizaron 435 deliberacións telemáticas durante o estado de alarma
Por Redacción
Os maxistrados e maxistradas da Audiencia Provincial de Pontevedra puideron adiantar traballo durante a etapa de confinamento grazas ás novas tecnoloxías e realizaron un total de 435 deliberacións por videoconferencia desde a declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo.
A Comisión de Seguimento da crise sanitaria COVID-19 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), dentro do plan de reactivación da actividade xudicial, recomenda que todas as deliberacións dos órganos colexiados da comunidade se realicen, sempre que sexa posible, de forma telemática, e na Audiencia pontevedresa tomaron boa nota das recomendacións.
Ademais, o pasado 24 de abril a Comisión tamén recomendou que os xulgados e tribunais galegos de todas as ordes xurisdicionais notificasen as resolucións ditadas en todos os procesos en curso, tal e como se recollía na circular do Ministerio enviada aos letrados da Administración de Xustiza catro días antes.
O levantamento das limitacións á presentación de escritos por medios telemáticos por parte do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) permitiu unha maior tramitación de procedementos xudiciais. Por iso, a Comisión entendeu que é conveniente que se notifiquen todas as resolucións que xuíces e xuízas puxeron durante estas semanas, tal e como solicitaron os presidentes dos consellos de avogados e procuradores. Os órganos xudiciais galegos notificaron entre o 14 de marzo e o 28 de abril 8.268 resolucións que poñen fin a procedementos en curso.
En total os maxistrados do TSXG e das audiencias provinciais de Galicia realizaron 2.264 deliberacións por videoconferencia desde a declaración do estado de alarma, 827 a Sala do Social do TSXG; 248 a do Contencioso-administrativo; e unha a do Civil e Penal. Pola súa banda, as audiencias galegas realizaron 1.188 deliberacións telemáticas, das cales 477 corresponden á Coruña e á súa sección desprazada en Santiago; 435, a Pontevedra e ás súas seccións desprazadas en Vigo; 267, a Lugo; e 9, a Ourense.