Yasmina Reguera, vítima do impago do ERTE: "Teño dúas fillas e levo 62 días sen ingresos"
Por Anxo Lourido
Yasmina Reguera Mouriño é unha camareira que traballa nunha coñecida cafetería do centro de Pontevedra. O 23 de marzo a súa empresa acollíase ao ERTE ante o difícil panorama que se presentaba pola expansión da COVID-19 e preparou toda a tramitación para que puidesen cobrar o que lles correspondía.
Ela e catro compañeiros máis quedaban así á espera de recibir as prestacións económicas establecidas polo Goberno do Estado ante a grave situación de crise prevista. O 8 de abril aprobábase o ERTE da cafetería por parte da administración estatal.
Con todo, ese mes nin ela nin os seus compañeiros cobraron o que lles correspondía. Yasmina afirma que o entendía porque moitas empresas se acolleron a esta situación. O 29 dese mes chamou ás oficinas do Servizo Público de Emprego (SEPE) para saber como estaban os trámites. A persoa que lle atendeu respondeu cun simple "a ver se tedes sorte".
A principios de maio tampouco cobraron. Yasmina sinala que no teléfono establecido polo SEPE para xestionar estes casos ninguén responde e nas oficinas de Pontevedra derívana a ese teléfono e explícanlle que "é cuestión de sorte" e que están colapsados. Ante esta situación, Yasmina mostra a súa preocupación "teño dúas fillas e levo 62 días sen ingresos", indica explicando que no sector da hostalería poucos cartos se poden aforrar e que vive case ao día.
"Non teño diñeiro para subsistir", laméntase esta nai de dúas adolescentes de 13 e 17 anos. "Eu nunca me vin facendo contas para ir á compra como agora" e sobre todo móstrase indignada ante este estado de incerteza porque ninguén lle indica cando vai poder cobrar. "Eu non estou a pedir unha axuda, pido que me paguen o que me corresponde por todos os anos que levo cotizados", afirma esta muller que leva trabando desde os 17 anos.
Tamén se mostra molesta co sistema de adianto de prestacións anunciado pola Xunta de Galicia. "O que che dan é un micro crédito e se non tes nada para avalar, non cho conceden", explica.
Cando foi á súa entidade bancaria a resolvelo, despois de que a empresa realizase a tramitación, atopouse con que ese adianto de algo máis de 700 euros que lle concedía o banco tiña que devolvelo en dous prazos a interese cero pero o primeiro recibo xa llo pasaban o 31 de maio, data na que aínda non sabe se terá na súa conta o ingreso por parte do SEPE. Sinala que cada entidade bancaria actúa con liberdade e mentres unhas permiten o pago nun prazo de seis meses, outras obrigan a efectualo en dous, como é o caso de Yasmina.
"Non te poden ter tres meses sen cobrar. Vives ao día e os recibos da luz e da auga chéganme", explica esta camareira, que agradece que a caseira do seu piso perdoáralle o aluguer dun mes sendo solidaria fronte a esta situación de dificultade económica.
Agora, decidiu emprender unha campaña nas redes sociais reclamando o que lle corresponde nas redes sociais e esperando que a cafetería volva abrir a primeiros de xuño. Para os seus xefes só ten palabras de agradecemento porque lles garantiron que todo o persoal incorporarase no momento en que abran "pero as condicións para a hostalería están a ser moi difíciles". Mentres seguirá esixindo que alguén da administración lle envíe un correo electrónico ou algunha notificación explicándolle que sucede cos cartos prometidos.
Relacionadas:
-
Un total de 87.485 traballadores da provincia acolléronse a un ERTE e o 99% dos tramitados aprobáronse
Por Natalia Puga |
-
Úrsula Varela, camareira á espera de cobrar o ERTE, con dous fillos pequenos e sen axudas: "Vivimos con angustia"
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
O Goberno efectúa o pagamento de máis de 88 millóns de euros a 103.764 personas da provincia en ERTE
Por Redacción |
-
Máis de 200 persoas apuntáronse como voluntarias da Cruz Vermella na provincia para axudar as persoas máis desfavorecidas
Por Anxo Lourido |