Moraña reactiva as obras do perímetro do santuario dos Milagres de Amil
Por Redacción
Tras o centro social de Alende, o Concello de Moraña decidiu reanudar unha segunda obra pública no municipio. Trátase do proxecto da humanización e mellora viaria e peonil no núcleo da Chan, na parroquia de Amil, que beneficiará ao perímetro do santuario dos Milagres.
Con motivo do reinicio destes traballos, que xa sufriron unha paralización anterior polo cese de actividade da primeira adxudicataria, Nexia, que obrigou a unha nova licitación, a alcaldesa achegouse ata a zona para manter un encontro informativo cos veciños afectados.
As obras consisten na remodelación integral da pista municipal de 648 metros de lonxitude que rodea ao santuario dos Milagres e que une diversos espazos públicos da súa contorna como a zona verde, a escola unitaria, a Casa da Cultura, o local cultural e o campo de fútbol.
Esta actuación, na que se inviste 250.000 euros e que está cofinanciada pola Deputación, permitirá ensanchar a sección da calzada ata os oito metros, para o cal foi preciso ocupar 1.900 metros cadrados das súas beiras.
A pista, que percorre o lugar da Chan e conecta polos dous extremos coa estrada EP- 0018, contará, tras a súa remodelación, cunha calzada de 5,20 metros con carrís de 2,35 metros e unha beiravía de 50 centímetros.
Ademais, haberá unha senda peonil de 2,50 metros de anchura e unha rigola de formigón de 30 centímetros que separará estes dous ámbitos e que servirá para recoller e canalizar as augas pluviais.
A actuación completarase coa adopción de medidas de calmado de tráfico e pasos de peóns, a realización de desmontes, a reconstrución de muros de contención e a instalación do entubado e de pozos de rexistro, cada 40 metros, para a recollida das escorrentías.
Luisa Piñeiro lamentou que se non houberan xurdido os dous contratempos que obrigaron a paralizar os traballos as obras estarían rematadas, "pero confiamos en que desta volta todo vaia ben". En principio, o prazo de execución está fixado en tres meses.