Cuntis avanza no desenvolvemento do polígono da Ran
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, mantivo este venres unha reunión telemática coa xerente de Solo Empresarial do Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, e co delegado do Estado da Zona Franca, David Regades, para avanzar no desenvolvemento do Polígono da Ran.
Tralo encontro, o alcalde declaraba sentirse moi satisfeito co compromiso mostrado tanto por SEA como pola Zona Franca "para impulsar esta infraestrutura tan importante para o noso municipio". Pese a valorar os pasos que se están a dar, Manuel Campos móstrase cauto, dado que "é un proxecto moi complexo que require dunha grande inversión".
O parque industrial situado na Ran é un proxecto para o que o Concello de Cuntis leva tempo en contacto coa Sociedade Estatal de Promoción e Equipamento de Solo (SEPES), dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade.
Neste contexto, SEA ofrécese como interlocutor con SEPES co obxectivo de establecer colaboracións para impulsar ante o organismo estatal o polígono cuntiense. Beatriz Sestayo transmitiu a súa vontade como xerente da SEA de analizar as posibilidades de impulso de solo empresarial de Galicia naquelas áreas nas que se detecte constante demanda e viabilidade e emprazou ao Concello a elaborar un informe detallado ao respecto.
A ampliación da Ran conta xa co proxecto de sectorización aprobado. A urbanización alcanzaría unha superficie de 600.000 metros cadrados e unha inversión total calculada en 21,5 millóns de euros.
Actualmente estanse desenvolvendo no polígono obras de remodelación integral e de mellora da seguridade viaria da estrada principal que atravesa o parque empresarial, coas que se pretende revitalizar esta área, tanto para fomentar o asentamento de novas empresas, como para facilitar a actividade das xa existentes.
Este proxecto supón un investimento de máis de 554.000 euros procedentes integramente da Deputación de Pontevedra a través do Plan DepoRemse.
Manuel Campos sinalou que "o futuro de Cuntis pasa en gran medida polo desenvolvemento desta infraestrutura que é clave para a creación de emprego". Un primeiro paso para acadar este obxectivo consistiría en ofrecer solo industrial suficiente e a prezos competitivos "para o asentamento de novas empresas e para a promoción económica do municipio, de maneira que continuaremos traballando intensamente para activar canto antes esta ampliación".
Relacionadas:
-
Reunión telemática para avanzar no futuro polígono industrial de Cuntis
Por Redacción |
-
O polígono industrial de Cuntis mellora as condicións para acoller novas empresas
Por Oskar Viéitez |
-
Unha sociedade estatal sondea a posibilidade de desenvolver solo industrial en Cuntis
Por Redacción |
-
Pechan o vial principal do polígono da Ran por obras
Por Redacción |
-
O novo programa integrado de emprego do Concello de Cuntis agarda a inserción laboral do 39% dos participantes
Por Redacción |
-
O goberno local de Cuntis analiza os plans para 2020
Por Redacción |
-
O pleno de Cuntis saca a concurso a remodelación do vial do polígono da Ran
Por Redacción |