A Deputación implanta un modelo propio de boas prácticas medioambientais
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra está a implantar un modelo propio de boas prácticas medioambientais en todas as súas dependencias, programas e ámbitos de actuación, de xeito que inclúe ao persoal dos servizos, así como os proxectos que desenvolve e as obras que financia, polo que implicará tamén ás empresas que contraten coa Administración provincial.
Deste xeito, desenvolveuse un sistema de xestión ambiental que cumpre cos requisitos establecidos na norma UNE-EN ISO 14001:2015 e cuxa finalidade é garantir o cumprimento dos requisitos legais no relativo a este eido, minimizar o impacto dos servizos da institución para reducir e previr a contaminación, establecer obxectivos e accións de mellora e sensibilizar na protección do medio ambiente, cunha formación permanente ás persoas.
Con este último obxectivo de concienciación e formación, a institución xa elaborou unhas guías de boas prácticas que buscan a implicación e colaboración do persoal da Deputación e tamén de aquelas entidades e empresas coas que traballan, ás que se lles fará chegar unha publicación adaptada ao seu sector.
En concreto, elaboráronse seis guías, a primeira delas sobre boas prácticas ambientais xerais a desenvolver no Pazo Provincial, outra está enfocada á realización de eventos, outra das publicacións refírese aos criterios ambientais de actuación nas propias instalacións da Deputación, e tamén hai unha guía para o persoal do Parque Móbil e os talleres de mantemento de vehículos e maquinaria. Por último, elaborouse unha guía de recomendacións para as persoas traballadoras no servizo de mantemento de xardíns, a finca do Castelo de Soutomaior e os campos de fútbol.
Relacionadas:
-
A Deputación obtén o certificado de xestión ambiental de AENOR
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación impulsa talleres para loitar contra o cambo climático dirixidos a escolares e ao sector agrogandeiro
Por Oskar Viéitez |
-
A presidenta da Deputación mantén un encontro coa alta comisionada para a Axenda 2030
Por Redacción |
-
Pontevedra recibe a campaña da Deputación de loita contra os plásticos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |