Pontevedra estrea os plenos telemáticos co impacto da COVID-19 na economía como pano de fondo
Con mesas individuais para cada concelleiro e separadas entre si. Así volveu a actividade política ao Teatro Principal. Tras a crise sanitaria da COVID-19, Pontevedra retomou os seus plenos municipais. Fíxoo, iso si, coa presenza física da metade da corporación.
Doce dos 25 concelleiros acudiron ao pleno. O resto participou desde casa, despois de que o Concello habilitara a vía telemática para que poden votar. Para iso, os trece edís que optaron por esta vía tiveron que certificar que se atopan en territorio nacional.
Nesta peculiar e inusual situación, as consecuencias económicas derivadas da pandemia protagonizaron o debate político, rachando en certa medida a unidade política que se forxou desde que se decretou o estado de alarma polo coronavirus.
Todo comezou coa moción presentada polo PP para que o Concello reduza de maneira "significativa", segundo Rafa Domínguez, os impostos e taxas municipais ao comercio e á hostalería ante os problemas que tiveron para desenvolver a súa actividade.
O portavoz popular entende que o modelo de Pontevedra "non sería o mesmo" sen ambos os sectores e defendeu que esta menor carga fiscal permitiría "aliviar el sufrimiento" de numerosas familias pontevedresas.
"No sean insensibles ante la gente que lo está pasando mal", engadiu Domínguez, que contou co apoio do edil Goyo Revenga, que reclamou "gestos y empatía" cun sector "fundamental" para a economía da cidade.
BNG e PSdeG-PSOE rexeitaron esta iniciativa. O edil César Mosquera defendeu que as taxas que afectan a estes sectores "xa están suspendidas" e avanzou que o Concello tomará todas as medidas "que se estimen necesarias" para aliviar esta crise económica.
En todo caso, Mosquera apelou á "prudencia" ante a "alta imprevisibilidade" na evolución da pandemia e a posibilidade dun próximo rebrote. "Intentar ser máis listos que ninguén leva a despilfarrar os cartos e facer cousas que raian o ridículo", engadiu.
Esta negativa levou a Rafa Domínguez a acusar directamente o alcalde de "dejar tirados" a comerciantes e hostaleiros e de "no dar la cara por ellos" e deixalos "en la estacada". Ademais, advertiu que con esta falta de apoio "muchos no podrán ni abrir".
PLAN GALEGO DE REACTIVACIÓN ECONÓMICA
As tornas investíronse, como era previsible, na iniciativa conxunta presentada por socialistas e nacionalistas para instar á Xunta de Galicia a deseñar un plan galego pola reactivación económica para afrontar as consecuencias da pandemia.
O edil Iván Puentes explicou que esta iniciativa debería ser "organizada e planificada" polo goberno galego e estar "delimitada" polas súas competencias, de forma que a acción das administracións "non sexa a golpe de ocorrencias ou ideas supostamente creativas".
O socialista censurou que, ao longo desta alerta sanitaria, Alberto Núñez Feijóo "silbara para o vento" mentres os concellos xestionaban esta crise "como podían", tratando de paliar a grave situación que provocou o coronavirus.
"Deixen de facer campaña electoral, sumen esforzos, pacten e negocien", reclamou Puentes ao PP, que lamentou que o Concello "no haga nada" e pídallo á Xunta. "No han hecho nada en tres meses aparte de pedir a los demás que resuelvan los problemas", asegurou Rafa Domínguez.
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez acusa o goberno de Fernández Lores de "dar as costas ao comercio local"
Por Redacción |
-
O goberno local califica de "demagoxia política" as exencións fiscais que reclama o PP
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello leva investidos arredor de 800.000 euros na xestión municipal da crise da COVID-19
Por Oskar Viéitez |