A pataca de Xinzo que veu durante o confinamento para quedar
Por Redacción
A bondades da pataca galega son sobradamente coñecidas. E os prexuízos económicos provocados pola pandemia do coronavirus tamén. Nesta conxuntura os produtores da comarca ourensá da Limia atopáronse con que a pataca contratada para a canle da restauración estaba tamén confinada nos seus almacéns.
Hai aproximadamente un mes comezaron a organizarse para dar saída a este produto por outra canle, o de venda polo miúdo e usando para iso as novas tecnoloxías: unha páxina web e redes sociais. Desde entón non pararon de enviar pataca de Xinzo alá onde reciben demanda polo miúdo.
Un destes produtores é Enrique García. No seu caso, teñen un almacén en Vigo que é desde onde están a distribuír as reparticións a domicilio por toda a provincia en sacos de 20 quilos a un prezo de dez euros. "Nós movémolo a través dos nosos clientes habituais de todo o ano e algúns dos nosos repartidores colocaron algún cartel en edificios polos que fixeron repartición", explica.
O seu almacén xa deu saída á pataca que tiñan no mes de abril: "practicamente todo se vendeu dentro da provincia de Pontevedra" e esta semana comezan a sacar "a pataca nova". Neste tempo tiveron que engadir máis vehículos á súa frota e tamén máis persoal.. "Somos dez persoas en activo; uns no envasado, un condutor que transporta a mercadoría de Xinzo a Vigo e outras en repartición e distribución a domicilio".
Esta solución que xurdiu para saír dunha circunstancia excepcional, parece ser que terá futuro: "manteremos o almacén para venda a por maior como sempre e logo a venda a domicilio vai continuar porque vemos que hai moita xente que necesita esa repartición", avanza Enrique García.
Nestas semanas os repartidores aprenderon o mapa da provincia ás alancadas para entregar a pataca de Xinzo alá onde había un pedido: "desde subir a un quinto piso sen ascensor, ata meterse por infinidade de camiños rurais e chegar á vivenda en cuestión. O traballo foi de formiga".
A estes produtores está a funcionarlles a súa "reinvención", pero tampouco se esqueceron de arrimar o ombreiro achegando doazóns de pataca a entidades sociais e mesmo "durante as semanas de confinamento se nos atopabamos con axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, entregabámoslles sacos de patacas para agradecerlles a súa función. Trátase de botar unha man co que podes".
Relacionadas:
-
O comedor de San Francisco recibe produtos do agro a través da rede de Mercaproximidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Verdura estragada e caracois, na volta a actividade das hortas urbanas
Por Redacción |
-
Empresarios de venda de produtos agrícolas: "A crise sanitaria coincidiu horrible, no peor momento"
Por Diego Torrado & Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Unións Agrarias convoca a 600 produtores da provincia á manifestación do 19 de febreiro na Coruña
Por Manu Otero |