A presidenta da Deputación reclama a Núñez Feijóo unha reunión para crear un plan de reconstrución de Galicia
Por Redacción
Carmela Silva, presidenta da Deputación, mantiña un encontro telemático este luns con Javier Losada, delegado do Goberno, para tratar o actual proceso de desescalada nos municipios da provincia.
Ambos coincidiron en confiar en que a cogobernanza e a cooperación transmitida polo presidente do Goberno Pedro Sánchez se traslade ás corporacións locais, tanto deputacións como concellos, ao ser as administracións máis próximas á cidadanía.
O delegado sinalou que o Acordo Social en Defensa do Emprego xa proporcionou 88 millóns de euros á provincia de Pontevedra para abonar as prestacións dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), unha cifra que en Galicia ascende a 238 millóns de euros.
A presidenta provincial destacou o traballo que está a realizar o Goberno do Estado para achegar recursos a diferentes colectivos e destacou os 80,7 millóns de euros distribuídos en Galicia entre 68.400 profesionais autónomos e os 1.795 millóns de euros destinados a avais para dotar de liquidez ás empresas.
Carmela Silva tamén trasladou a necesidade de que o Goberno central permita utilizar superávits e remanentes; e que modifique o teito de gasto para poder facer fronte ás novas necesidades económicas e sociais no ámbito local. Losada comprometeuse a remitir estas peticións ao Goberno do Estado.
A mandataria provincial agradecía a rápida resposta de Javier Losada en atender a solicitude dunha reunión e contrapuxo esta postura coa que mantén o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Lembrou que xa lle solicitou en tres ocasiones un encontro ao xefe do executivo galego sen recibir resposta. Por este motivo reclámalle que convoque de maneira inmediata ás catro deputacións para establecer un plan de reconstrución que, segundo sinala Silva, non pode esperar a despois das eleccións.
A máxima representante da provincia tamén convidou a Núñez Feijóo a que diga cantos recursos do Estado están a utilizarse desde a Xunta para facer fronte ás situacións sociais e económicas en Galicia dos 19 millóns de euros achegados polo Goberno central. E reclama que exista cogobernanza desde a Xunta cara aos organismos provinciais e os municipios.
Relacionadas:
-
Carmela Silva pide a Feijoo un cume entre Xunta e deputacións para repartir recursos cos que afrontar a pandemia
Por Redacción |
-
O PP solicita a creación dunha mesa de reconstrución social económica para Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Lores cre que Galicia "non está en condicións" de celebrar eleccións e Carmela Silva que é unha "irresponsabilidade"
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |
-
A Deputación e Abanca lanzan unha liña de financiación para paliar a crise da COVID-19
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación lanza unha campaña de promoción do comercio local de cada comarca
Por Oskar Viéitez |
-
Os concellos e a Deputación queren ter poder de decisión nas fases da desescalada
Por Redacción |