Os concellos da provincia contarán cun servizo de cita previa grazas á plataforma informática da Deputación
Por Redacción
A pandemia do coronavirus obrigou ás administracións locais a transformar o seu servizo de atención ao público. Ademais de establecer as correspondentes distancias de seguridade e a atención por quendas, a Deputación de Pontevedra acaba de poñer a disposición dos 53 municipios da provincia adheridos á administración electrónica a súa Plataforma Informática para organizar a atención aos seus cidadáns mediante o servizo de cita previa.
Despois de que en abril a institución provincial facilitase a través desta plataforma aos concellos a posibilidade da celebración telemática das súas sesións colexiadas, esta nova prestación posibilita que os municipios poidan asumir a atención cidadá adaptada ás novas circunstancias, coa posibilidade de que os seus veciños poida contactar coas oficinas municipais de xeito presencial ou por videoconferencia.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, remitiu hoxe unha carta aos concellos para informarlles desta nova prestación, que xa teñen operativa. A presidenta provincial manifesta a importancia desta ferramenta para planificar o control de aforo nas oficinas municipais, a fin de axudar "a manter a distancia de seguridade da cidadanía que precise acudir ás dependencias do concello, evitando así colas e aglomeracións".
Os cidadáns que necesiten dirixirse ao seu concello para realizar unha xestión, poderán acceder a este servizo de cita previa dentro da páxina web do seu municipio a través da opción de sede electrónica. Na solicitude poderá elixir se a cita será presencial, telefónica ou por videoconferencia.
Cada concello decidirá que servizos e departamentos terán cita previa, franxas horarias e o xeito de reserva das mesmas, se a través de certificado dixital ou cumprimentando un formulario. O novo servizo estará dispoñible a través de tablets e dispositivos móbiles.
Nesta semana, os concellos recibirán asesoramento por parte do persoal da Deputación a través de sesións de formación online para que poidan aplicar esta nova función da súa sede electrónica.
Este servizo complementa os que xa podían realizar os 53 concellos adheridos á administración electrónica coa ferramenta virtual habilitada de xeito gratuíto pola Deputación para a realización de sesións telemáticas, reunións e plenos virtuais, mesas de contratación a distancia, así como traballo colaborativo entre persoal funcionario.
Os concellos que están adheridos a este servizo son: Poio, Tui, Cambados, O Rosal, Tomiño, Baiona, Vila de Cruces, Mos, A Cañiza, Bueu, Cangas, Redondela, A Estrada, Lalín, A Guarda, Salceda, O Porriño, Moaña, A Illa de Arousa, Soutomaior, Ponte Caldelas, Ponteareas, Meaño, Gondomar, Salvaterra, O Grove, Silleda, Caldas, Valga, Vilaboa, Meis, Cuntis, Mondariz, Moraña, As Neves, Barro, Forcarei, Catoira, Portas, Pontecesures, Pazos, Oia, Arbo, Rodeiro, A Lama, Covelo, Agolada, Crecente, Campo Lameiro, Fornelos, Dozón, Mondariz-Balneario e Cerdedo-Cotobade, amais das Mancomunidades do Salnés, do Val Miñor e do Morrazo.
Relacionadas:
-
O Concello de Poio pide colaboración cidadá para mellorar a súa administración electrónica
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade aproba novas medidas de seguridade para os locais abertos ao público
Por Redacción |
-
A Deputación ofrece unha ferramenta aos concellos para xestionar a atención aos seus veciños
Por Redacción |
-
Así abrirá ao público a sede da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Concello de Caldas crea unha campaña de entrega a domicilio gratuíta desde calquera establecemento
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas abre as súas oficinas municipais para a atención con cita previa
Por Redacción |
-
Rexistro e padrón abrirán na Casa da Luz a partir da última semana de maio
Por Redacción |
-
Unha comisión técnica asesorará os concellos na posta en marcha de medidas pola crise da Covid19
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación crea unha rede de acción institucional para traballar cos concellos na recuperación do espazo público
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación proporá aos alcaldes intervencións efémeras e urxentes para recuperar o espazo público
Por Oskar Viéitez |