Os datos de marzo sitúan a Pontevedra como a terceira cidade de Galicia con menos paro
Por Redacción
As cifras do desemprego rexistrado durante o pasado mes de marzo colocan a Pontevedra como a terceira cidade de Galicia con menos taxa de paro. A capital da provincia presenta un dato porcentual do 15,86% e un número total de parados de 5.796 individuos.
A información ofrécea Datos Macro, a web pertencente á publicación especializada en economía Expansión, quen lembra que a taxa de paro é a porcentaxe que resulta de dividir o total de parados entre o total de activos, sendo esta poboación activa a formada polas persoas maiores de 16 anos e menores de 65 que están a traballar ou en procura activa de emprego.
Segundo estes datos, entre as grandes cidades galegas (as que teñen unha poboación de máis de 40.000 habitantes) a menor taxa de paro correspóndese con Santiago de Compostela (13,34%), seguida de Lugo (13,70%). O terceiro lugar é o que ocupa Pontevedra (15,86%).
No polo oposto, a clasificación de cidades galegas con maior taxa de paro encabézaa Ferrol (18,31%) e, a continuación, Vigo (17,55%) e Ourense (17,55%).
Na contorna da comarca de Pontevedra, se nos trasladamos a municipios de entre 10.000 e 40.000 habitantes, atopámonos con Vilagarcía de Arousa (20,76%) como a segunda poboación con maior taxa de paro e O Grove (20,13%) como a cuarta. Esta lista encabézaa a localidade ourensá de Verín (22,30%).
En canto a municipios de entre 1.000 e 10.000 habitantes áchase o dato negativo de Fornelos de Montes (24,61%), coa segunda peor taxa de paro da súa categoría, que está encabezada por Maside (24,88%), na provincia de Ourense.
Os datos completos poden consultarse nesta ligazón.
RESPOSTA DE CC.OO.
O sindicato Comisións Obreiras emitiu unha nota na que lamenta os datos do paro, neste caso ampliado tamén ao mes de abril.
"A crise sanitaria, social e económica derivada do COVID-19 ten un forte impacto no mercado laboral da provincia de Pontevedra que se traduce na perda de 16.812 postos de traballo nos meses de marzo e abril; dito doutro xeito, a pandemia levouse por diante case un 5% dos empregos que había na provincia en Febreiro", apúntase desde CC.OO.
O sindicato engade que a perda de emprego na provincia de Pontevedra é maior en máis de medio punto que a media galega, o que se traduce en que 4 de cada 10 empregos que se perden en Galicia corresponden a Pontevedra.
"Aínda que se perde emprego en todos os réximes da Seguridade Social, o 90% dos postos de traballo perdido foron de traballadores por conta allea ou asalariados/as nunha porcentaxe superior á media galega (o que se reproduce no resto dos réximes)", informa o sincato. O resto de réximes con perdas serían o especial agrario, traballadores do mar, empregados do fogar e autónomos.
Relacionadas:
-
Úrsula Varela, camareira á espera de cobrar o ERTE, con dous fillos pequenos e sen axudas: "Vivimos con angustia"
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
O Goberno efectúa o pagamento de máis de 88 millóns de euros a 103.764 personas da provincia en ERTE
Por Redacción |
-
Forte subida do paro nos concellos pola crise do coronavirus
Por Oskar Viéitez |