As familias furancheiras alertan de que perderán os remanentes de viño se non lles amplían as datas de apertura
Por Anxo Lourido
Este xoves 21 haberá un encontro entre representantes dos 22 furancheiros do municipio de Pontevedra e o concelleiro responsable da área Xaquín Moreda. Alí veranse que solucións poden abordarse fronte unha situación derivada da pandemia que a este sector da economía tradicional impactoulle de maneira directa.
Os coñecidos como furanchos ou loureiros teñenlimitada a súa apertura a tres meses entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño do ano. A Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores de Pontevedra solicitaba o 7 de abril ao vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que se ampliase o prazo para a apertura máis aló do mes de xuño. Solicitaban unha prolongación equivalente á duración do estado de alarma. Ese tempo extra comezaría a contar a partir do 1 de xullo, sempre mantendo o período máximo de tres meses de apertura aos que autoriza o goberno autonómico. Esta petición non foi tida en conta.
O Centro de Coordinación Operativa (Cecop), o órgano que garante o funcionamento do Plan establecido pola administración, acordaba o 5 de maio formular unha recomendación aos concellos para que se estendese o prazo para actividade nos loureiros ata o 31 de xullo. Os propietarios de furanchos sinalan que só un goberno local respondeulles.
Ante esta situación, as contas non saen. Sinalan que no caso de que poidan abrir o 25 de maio, a campaña veríase reducida de tres meses a 67 días operativos. Lucía Josefa Gómez, secretaria da Fundación, nun comunicado remitido á Vicepresidencia da Xunta indica que esta decisión provocará que a campaña deste 2020 véxase reducida nun 25%, perdendo un mes dos tres autorizados, sempre que os Concellos concedan os permisos para que se manteñan abertos ata o 31 de xullo.
A situación agrávase ao ter en conta que a redución dos aforos dos establecementos supoñerá unha menor asistencia de clientes e, por tanto, se rexistrará un menor consumo dos viños excedentarios que se atopan almacenados nas adegas familiares.
Piden á Xunta que, fronte esta situación excepcional, permita que se usen espazos privados como leiras, xardíns, hortas ou patios interiores para dar cabida a todo o persoal que acuda aos furanchos.
Ademais alertan de que en agosto terán nas súas cubas parte da pasada vendima e non poderán buscar outras alternativas co quebranto económico que supoñerá para algunhas familias que contan con esta actividade complementaria.
E en setembro, coa chegada da vendima, ao non poder embotellar o excedente de viño que non se consumiu ata o 31 de xullo, vacitinan que tirarán o viño ou non colleitarán a nova uva.
José María Fernández Cortizo, furancheiro: "Que poñan cincuenta de limite, chéganme sesenta persoas e que fago? Póñoos porta afora? Todos amontonados? Que fago? Ando coa escopeta a botalos fóra?"
Neste sentido, os representantes da Federación lamentan que desde a Xunta non se puxeron en contacto para coñecer a situación e a problemática das familias. Por iso reclaman unha reunión urxente con Alfonso Rueda onde pedirán medidas para paliar as perdas económicas.
"NON ABRO SE NON ME DEIXAN ABRIR LIBRE"
José María Fernández Cortizo é un dos furancheiros máis veteranos de Pontevedra. O seu establecemento na parroquia de Marcón, La Casa da Luga, só puido abrir do 5 ao 12 de marzo. "Xa non esperei ao 14, xa vin que a cousa estaba complicada", comenta explicando por que pechou.
Afirma que esta situación provocada polo coronavirus vai prolongar no tempo e que para o 2021 repetirase a situación. Por este motivo, entende que agora é necesario que a administración autorice a que se abran os furanchos desde decembro do 2020 ata xuño de 2021 para dar saída ao viño almacenado.
Fernández Cortizo é contundente: " eu non abro se non me deixan abrir libre". Explica que sería imposible regular a entrada de clientes. No seu local hai espazo para 110 persoas sentadas e conta con moita demanda. "Quen controla iso? Que poñan cincuenta de limite, chéganme sesenta persoas e que fago? Póñoos porta afora? Todos amontonados? Que fago? Ando coa escopeta a botalos fóra?".
"Hai que tirar co viño? pois un ano tírase. É unha pena pero os furancheiros poucos vivimos dos furanchos. Fas unhas pesetas e das choio a outra xente, pero isto non dá para vivir", explica este home xubilado que entende perfectamente que os restaurantes poidan protestar porque estes negocios levan tamén pechados dous meses sen ingresos.
A mellor opción que ve para os furanchos neste momento é a de abrir en decembro e ofrecer o viño vello aos clientes para tentar salvar un ano moi difícil.
Relacionadas:
-
Pontevedra permitirá que os furanchos abran en xullo se hai "circunstancias excepcionais"
Por Alejandro Espiño |
-
Rueda compromete unha reunión cos furancheiros para escoitar as súas reivindicacións
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Proxecto piloto cos furanchos para visibilizar o potencial vitivinícola de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Concello de Marín amplía a tempada de furanchos ata o 31 de xullo
Por Redacción |
-
A Xunta invita os furancheiros a solicitar nos Concellos a apertura dos seus establecementos ata o 31 de xullo
Por Redacción |
-
Pontevedra solicita á Xunta que permita abrir os furanchos no verán
Por Redacción & Mónica Patxot |